CULTURA

Doce espectáculos de Falabaratos no primeiro semestre do 2014

08/01/2014 Falabaratos (monólogos, contos e outros shows) foi unha das novidades na programación da cidade no 2012. Neste ciclo as palabras convértense en humor e a ironía e o bo facer dos monologuistas, contadores de contos e protagonistas doutros tipos de shows materialízase en espectáculos de primeira fila a procura dun espectador disposto a pasalo ben. O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o programa do ciclo para o primeiro semestre de 2014, no que contaremos con Isi e Patricia Vázquez, Quico Cadaval, Santi Millán, Luma Gómez, Joaquín Reyes, Toni Moog, Ernesto Sevilla, Josito Porto, Cándido Pazó, Claudio Sanmartín e Dani Martínez, completando o semestre, dous falabaratos musicais con Manquiña & Tony Lomba e David Amor & Taninos Maduros Jazz Band.

O ciclo Falabaratos ten no seu haber unha importante nómina de artistas que, con grande éxito, protagonizaron varios cheos no Auditorio de Galicia, no Teatro Principal e na Zona C: Luis Piedrahita, David Amor, Sergio Pazos, Quico Cadaval, Goyo Jiménez, Ángel Martín, Leo Harlem, David Guapo, Berto Romero, Dani Mateo, Rober Bodegas, Joaquín Reyes, Miguel Lago, Manuel Manquiña, Luis Zahera ou Roberto Vilar, entre outros.

Este xoves, 9 de decembro, comeza a programación do ciclo en 2014 con Isi e Patricia Vázquez, nunha nova colaboración, a terceira, con Noites de retranca, nun dos seus espazos preferidos, o Teatro Principal. Isi presentará Contos na lareira e Patricia Vázquez ofrecerá Problemas circulatorios.

Nomes de fama das televisións nacionais volven a ser protagonistas en Falabaratos: Santi Millán (coa colaboración especial de Javi Sancho) presentará Live! o xoves 23 de xaneiro e Joaquín Reyes regresa o sábado 15 de febreiro cun novo monólogo: Que me aspen! Esta vez mostraranos os perigos de non ter filtro ao falar.

Toni Moog estará xoves 27 de febreiro tamén no Principal desgranando as historias máis divertidas dos seus dez anos en escena. No Auditorio de Novagalicia Banco, xoves 6 de marzo, e, por primeira vez en Santiago, actuará Ernesto Sevilla presentando Despedida Coconut (o mellor de Ernesto Sevilla). Dani Martínez, co monólogo Martínez... que no eres bueno, subirá tamén ao mesmo espazo escénico do Preguntoiro o 24 de maio.

Os cómicos galegos gozan tamén de protagonismo especial. Así, a Zona C acolle este sábado 11 de xaneiro a Quico Cadaval, que presentará Os tres desexos, contos de Topor. Cadaval quere mostrar o que puido ser e non foi, con contos e convidados sorpresa. E no Teatro Principal, o xoves 15 de maio, actuarán Candido Pazó, co monólogo Candideces, e Celso F. Sanmartín, con Os contos non son conto.

Dúas singulares propostas definibles como "monólogo teatral" son as de Josito Porto e Luma Gómez. Esta actuará na Sala Agustín Magán de Santa Marta os sábados 1 e 8 de febreiro. A tixola polo mango (Muller, non é para tanto) é un monólogo gastronómico de consecuencias imprevisibles no que se sente a rabia feminina sen case apreciala, sutilmente. E Josito Porto traerá á Zona C o monólogo traxicómico As mil vidas de Matías Houseman, nunha función diaria do xoves 13 ao domingo 16 e do xoves 20 ao domingo 23 de marzo (8 funcións).

A oferta complétase con dous "falabaratos musicais" no Principal. O dúo Manquiña & Tony Lomba uníronse nun espectáculo musical titulado Música ligera, para (re)inventar o underground elegante e invitarnos a viaxar á España dos 70, un país namorado das suecas, de Benidorm e da música melódica. Será o xoves 27 de marzo. E David Amor & Taninos Maduros Jazz Band ofrecerán o seu espectáculo o venres 6 de xuño. Un dos mellores e máis guapos humorista cunha das mellores e máis guapas bandas de jazz.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para case todos tamén se poden comprar en entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443.

Compartir: