FESTAS

Os Reis Magos encheron as rúas de Compostela de ilusión e de caramelos

05/01/2014 Milleiros de nenos e nenas asistiron un ano máis á chegada dos Reis Magos a Santiago de Compostela. Logo da tradicional Cabalgata polas rúas da cidade, no Pazo de Raxoi, un por un puideron expresarlle ás Súas Maxestades as súas peticións en forma de agasallos.

Gaspar, Melchor e Baltasar chegaron un ano máis a Santiago en tren. Na estación foron recibidos polo carteiro real e pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago. Despois da cariñosa benvida, realizaron o multitudinario percorrido polas rúas da cidade, pasando por Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro.

Xunto ás carrozas dos Reis Magos percorreron as rúas a carroza da estrela real de Oriente, a casiña das chucherías e a do carteiro real. As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos. En total, houbo máis de 100 figurantes, aos que se uniron tamén uns 200 nenos e nenas máis que foron a bordo dun autobús antigo, das carrozas e dos dous trens turísticos. Unha charanga con repertorio de Nadal participou no percorrido e amenizou as rúas de Compostela. Repartíronse 3.000 quilogramos de caramelos sen glute.

A Banda Municipal de Música agardaba na praza do Obradoiro ás Súas Maxestades, que foron recibidas polo alcalde, Ángel Currás, e membros da Corporación. Saudaron os rapaces dende os balcóns de Raxoi, onde estivo unha intérprete da lingua de signos, e houbo un pequena pirotecnia. A continuación, os Reis Magos recibiron os nenos e nenas que o desexaran, un por un, no salón vermello.

Como novidade desta edición, Os Bolechas formaron parte da Cabalgata nun autobús que se estreou na nosa cidade. Mentres agardaban na praza para formularlle as súas peticións aos Reis Magos, os nenos e nenas puideron gozar desta animación dos Bolechas. Houbo photocall, karaoke e outras atraccións.

Direcciones relacionadas



Compartir: