ALCALDÍA

Ofrenda floral a Valle-Inclán no 78º aniversario do seu pasamento

05/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu en Boisaca á ofrenda floral a Ramón María del Valle-Inclán con motivo do 78º aniversario do seu pasamento.

A Fundación Valle-Inclán, presidida por Gerardo Fernández Albor, rendeu homenaxe un ano máis ao xenial escritor vilanovés, falecido na capital compostelá en 1936. Participaron no acto, entre outros, o vicepresidente da Fundación, José Juan Durán; o alcalde compostelán, Ángel Currás; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a deputada delegada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; e o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Carmiñal, Antonio González Millán.

O acto de recoñecemento do aniversario do seu pasamento súmase ás actividades que desenvolve a Fundación Valle-Inclán nos ámbitos da formación e o impulso á literatura e a dramaturxia. Dende hai xa seis anos, a entidade conta cunha escola de teatro, Valle Innova, que desenvolve unha actividade formativa co obxectivo de constituír un grupo estable de arte dramático que, polo momento, veu representando xa numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia. Ademais, a Fundación, a través da escola, leva a cabo unha programación anual de representacións teatrais centrada, en cada edición, na obra de Valle-Inclán, que cómpre conmemorar en función das diferentes efemérides vinculadas á súa figura e produción literaria.

Así mesmo, a Fundación Valle-Inclán, dentro da súa vertente editorial, é a responsable da revista Bradomín, a cal acaba de editar un novo número, na que se publican diferentes artigos e traballos de investigación literaria con afán divulgativo e conmemorativo.

De cara ao futuro próximo, a entidade que preside Fernández Albor traballa na preparación dun programa de actividades con horizonte 2016 en conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán. Neste obxectivo conta coa colaboración de distintas administracións públicas que participarán tamén nos actos de lembranza do escritor vilanovés.

Compartir: