REHABILITACIÓN

Unha nova web descubre as claves da fortaleza da Rocha Forte dun xeito visual, didáctico e interactivo

03/01/2014 "Esta é a historia dun castelo maldito, o castelo máis grande de Galicia e que ninguén recorda xa". Así dá a benvida aos visitantes a nova páxina web sobre o Castelo da Rocha Forte: rochaforte.info, unha invitación a coñecer a historia, os acontecementos, os espazos, os personaxes e os obxectos desta fortaleza, fundamental para entender a historia de Santiago e de Galicia.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, presentou esta nova web, da que destacou o seu carácter "visual, didáctico e moderno". Amosouse confiada en que sirva para dar a coñecer e por en valor esta fortaleza e a súa importancia histórica. A páxina de internet complementa así a publicación editada sobre o Castelo da Rocha Forte e recentemente presentada, engadindo moita máis información e elementos gráficos e visuais.

Tal como explicou Óscar Otero, da empresa A Navalla Suíza, encargada do deseño da web, esta divídese en catro espazos fundamentais. No primeiro deles, o denominado As Historias, o visitante poderá visitar virtualmente a fortaleza e coñecer os seus espazos e obxectos, así como os personaxes e os acontecementos que a marcaron.

A través dos mapas accederase ás explicacións e ao detalle de situación de cada un dos recunchos do Castelo da Rocha. Os diferentes contidos destes dous primeiros apartados serán tamén accesibles a través dunha biblioteca.

Finalmente, a sección O Proxecto contén información máis técnica, dirixida máis ao estudo e á investigación, incluíndo todos os detalles dos traballos de escavación ou mapas técnicos da fortaleza. Tamén dende aquí pode descargarse o libro e o tríptico editados.

O Castelo da Rocha Forte tamén quere abrirse ás redes sociais, polo que se crearon perfís en Facebook e Twitter.

Compartir: