BENESTAR SOCIAL

A campaña "Compar-T un xoguete" reúne 1.630 xoguetes para preto de 300 nenos

30/12/2013 A campaña Compar-T un xoguete, posta en marcha polo Equipo de Dinamización Social do programa Urbana Santiago Norte en colaboración coa Cruz Vermella de Santiago, permitirá repartir, ao longo das xornadas do xoves 2 de xaneiro e do venres día 3 un total de 1.630 xoguetes, grazas á colaboración desinteresada de particulares e diferentes entidades.

Aprender a xogar é o primeiro paso para saber relacionarse e comunicarse, un aspecto fundamental para toda persoa. O xogo é un dos principais dereitos fundamentais do neno, segundo o recollido no convenio sobre os Dereitos da Infancia das Nacións Unidas. Por este motivo, dende o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte – Servizos Sociais púxose en marcha esta campaña como resposta a esa necesidade, e tamén coma medio e instrumento de sensibilizar e concienciar á poboación da zona Urbana Santiago Norte, mediante a súa participación, ante a situación de desigualdade social existente nas familias con escasos recursos económicos.

Os regalos doados serán repartidos entre preto de 300 nenos e nenas de 142 familias, que se beneficiarán da xenerosidade e solidariedade dos composteláns. Os agasallos serán entregados aos pais e nais que previamente o solicitaran na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES). Os agasallos repartiranse en función dos perfís de cada rapaz e das peticións feitas polas propias familias.

O Equipo de Dinamización Urbana Santiago Norte agradece a súa colaboración ás entidades colaboradoras, como Cruz Vermella e Gardería Cativos e, moi especialmente, a Frutas Nano e aos centros comerciais Leroy Merlín e Alcampo de Santiago. O agradecemento faise extensivo a moitos outros cidadáns de Santiago que colaboraron a modo particular solicitando a recollida dos seus xoguetes no seu domicilio ou achegándose a Casa das Asociacións de Benestar Social.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: