CULTURA

Hendrik Röver e Adrián Costa, citas musicais para o último fin de semana do ano

27/12/2013 O sábado 28, ás 21:30 horas, a Sala Capitol acollerá o concerto do líder de Los Deltonos, Hendrik Rover, pechando o ciclo Íntimo & Acústico neste 2013. Ao día seguinte, ás 20:30 horas, dentro do Blues Nite, cita con Adrián Costa, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O., no Salón Teatro.

Hendrik Röver ten dous novos discos. Son Oeste e Norte. O primeiro máis próximo ao country, o segundo máis próximo ao bluegrass ou o folk eléctrico. Ración dobre da americana que crece en Cantabria ao amparo deste prolífico autor e o seu selo Guitar Town. Música norteamericana rural cantada en castelán.

Auténtica ousadía a de Hendrik Röver, que demostra o pouco que lle importa non estar á moda ou na crista da ola comercial. Cando Chaplin dixo que estaba convencido de que para vencer facía falta ousadía, terminou sentenciando: "Porque o mundo pertence a quen se atreven" E non fai falta dicilo máis que unha soa vez: Hendrik, que para moitos pode pasar como un perdedor con clase nisto do negocio musical, xa venceu. A el perténcelle a parte que lle corresponde da música española, simplemente, porque a súa ousadía foi sempre unha fortuna para os oídos.

A banda está composta composta por Hendrik Róver (voz, guitarra e dobros), Goyo Chiquito (contrabaixo) e Toño L. Baños (batería e percusións). Tocarán o sábado 28, ás 21:30 horas, na Sala Capitol.

Entradas a 10 euros (anticipada) e 13 euros (billeteira). Á venda na billeteira do Teatro Principal, Miranda Records, Codetickets, A Reixa Tenda e salacapitol.com.

O bluesman compostelán Adrián Costa regresa á casa polo Nadal. O cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O. ofrecerá unha actuación en solitario na súa cidade natal. El e o seu "maquineto" (un vello sampler que sempre o acompaña e lle permite gravarse e regravarse co fin de que a xente baile) presentarán todas as influencias adquiridas nestes últimos tres anos na súa residencia californiana.

O blues, funky e soul de Adrián poderanse escoitar domingo 29 de decembro, ás 20:30 horas, no Salón Teatro. Entradas á venda a 6 euros (anticipada) e 8 euros (billeteira) na billeteira do Teatro Principal.

Compartir: