CULTURA

Jorge Blass, o Mago Romarís e Trompicallo Teatro no ciclo Infantil & Familiar

27/12/2013 Dous espectáculos de maxia e outro de teatro pechan o ciclo Infantil & Familiar neste mes de decembro. Jorge Blass, Mago Romarís e Trompicallo Teatro protagonizan estas actividades os días 28, 29 e 30 de decembro no Teatro Principal.

Jorge Blass presenta El arte de la magia, un sorprendente espectáculo para todos os públicos. O mago introdúcenos no seu máxico universo. Levitacións imposibles, aparicións, desaparicións e ilusións interactivas onde o espectador é o protagonista.

O espectáculo, recomendado a partir de 4 anos, representarase o sábado 28 de decembro ás 20:00 horas. Entradas a 15 e 10 euros (menores de 16 anos e anfiteatro). Pódense mercar na billeteira do Teatro Principal e en entradas.novagaliciabanco.es.

Artista habitual no prestixioso Magic Castle de Hollywood e director do Festival Internacional de Maxia de Madrid, Jorge Blass é patrono da Fundación Abracadabra e escribiu dous libros: Magia para no dejar de soñar e La fuerza de la ilusión.

O Mago Romarías deleitará a pequenos e maiores con Magia potagia, un espectáculo de maxia de salón onde nos presenta unha recompilación dos seus mellores números, algúns dos cales son creacións propias.

Actuará o domingo 29 de decembro ás 19:00 horas. Entradas a 6 euros, con entrada familiar a 18 euros (4 x 3) na billeteira do Teatro Principal.

Trompicallo Teatro presenta Osiño, obra que conta a vida nun anaquiño de fraga, que se transforma coa chegada das diferentes estacións. Neste lugar vive Osiño coa súa nai. Con eles pasaremos un inverno no que Osiño ten moito frío, pero a súa mamá vaille ensinar o que un oso debe facer para non telo e poder xogar coa neve.

O luns 30 de decembro, ás 18:30 horas, representarase esta obra, recomendada a partir de 3 anos. Entradas a 5 euros que se poden mercar na billeteira do Teatro e en entradas.novagaliciabanco.es.

Compartir: