COMERCIO

Trinta e un deseños aspiran a ser a imaxe-marca da sinaléctica comercial do barrio de San Pedro

26/12/2013 Rematado o prazo de presentación de deseños para ser a imaxe-marca da sinaléctica comercial do barrio de San Pedro, foron 31 as propostas finalmente recibidas. Ata as 13:00 horas do domingo 29 de decembro, calquera persoa pode achegarse ao Museo do Pobo Galego para ver estes deseños e votar a mellor. O luns 30 de decembro, o xurado elixirá a imaxe final do barrio de San Pedro entre as cinco propostas que obtiveran maior número de votos.

Este certame, realizado ao abeiro do programa europeo Urbana Santiago Norte, ten como obxectivo a elección dunha marca que dote dunha imaxe única ás campañas comerciais e empresariais do barrio de San Pedro, que proxecte esta zona da cidade como un espazo no que vivir, traballar, comprar ou gozar, e que atraia clientes, emprendedores, visitantes e veciñanza. Os participantes debían ter en conta que o barrio de San Pedro, no que viven arredor de 9.000 habitantes, mestura pasado e futuro e posúe un intenso sentido de comunidade e de pertenza. Tampouco debían esquecer a súa historia e tradición, pero tiñan que proxectar o barrio cara o futuro baseándose nas súas principais fortalezas: sentido de comunidade, capacidade de integración, gusto pola innovación, certo cosmopolitismo, posición céntrica na cidade, etc.

Búscase unha imaxe que sirva como instrumento de proxección do barrio, do seu tecido social, comercial e asociativo; un sinal no que a veciñanza se recoñeza e que sirva para fortalecer a marca San Pedro de cara á cidade, amosándoo como un todo único. Esta nova imaxe aspira a acoller baixo un mesmo paraugas todo tipo de iniciativas de dinamización social, económica o cultural, desenvolvidas por distintas entidades, pero tamén polos negocios e, mesmo, por particulares. En resumo, perséguese unha marca que consolide os lazos da veciñanza do barrio, que anime ás xentes a comprar en San Pedro, aos emprendedores a abrir aquí os seus negocios, ás familias a residir no barrio.

Cada autor/a podía participar cun máximo de dous traballos, con material e técnica libres, manual, mecánica ou dixital, sempre que estes sexan orixinais. Cada traballo presentado a concurso debía reflectir as seguintes tres aplicacións gráficas: banner para páxina web, bolsa e cartel comercial tipo.

O premiado seleccionarase, de entre os cinco traballos con maior número de votos, por un xurado presidido pola concelleira de Comercio e que contará con dúas persoas en representación da veciñanza do barrio e dous profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación.

O xurado valorará especialmente a creatividade do arte final, o impacto visual, e a relación coa filosofía do evento. Igualmente, terá en conta a potencialidade para as futuras aplicacións gráficas. O gañador darase a coñecer o 30 de decembro de 2013 a través desta web municipal e de www.urbanasantiagonorte.org. O premio está dotado con 3.000 euros.

Este proceso de selección está incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte, programa cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: