COMERCIO

Catro veciños da Almáciga, Meixonfrío, Vite e A Trisca serán a imaxe da campaña "No corazón do teu barrio"

26/12/2013 A campaña No corazón do teu barrio, incluída no programa Urbana Santiago Norte, xa ten os seus catro gañadores. Estes catro veciños serán a imaxe da devandita campaña e recibirán un iPad mini como premio.

Os catro gañadores, seleccionados entre os 30 veciños que participaron nos castings, son: Alba Mª Otero Vázquez (CSC da Almáciga), Mª Isabel Mallou Pombo (CSC Casa Agraria), Paula Mujico Corral (CSC de Vite) e Jesús Rivera Armán (CSC da Trisca). Eles, ao igual que os demais particpiantes, gravara un pequeno vídeo explicando as calidades do comercio do seu barrio e realizaron unha pequena sesión de fotos.

As persoas que mellor coñecen o comercio dun barrio son os seus propios veciños, polo que o obxectivo da campaña é aproveitar a súa experiencia para que conten as súas principais calidades. Baixo o slogan No corazón do teu barrio, a segunda fase da campaña consistirá na distribución de carteis polos barrios e postais promocionando o comercio da zona, así como unha campaña publicitaria en prensa local, mupis ou autobús urbano nos propios barrios, para estimular as compras dos veciños no seu entorno.

A súa vez, como acción de street marketing nos diferentes barrios, colocarase un globo na porta de cada comercio co slogan da campaña No corazón do teu barrio, co obxectivo de chamar a atención dos viandantes e promover os propios establecementos, que en moitas ocasións non son só un motor económico senón un punto de referencia e de servizo, no senso da palabra máis amplo posible, para toda a veciñanza.

Realizarase así mesmo unha campaña en redes sociais onde se convide aos veciños a subir vídeos onde se fale das calidades positivas dos seus barrios para incentivar a implantación de novos negocios ou para comprar no entorno. Isto converterá a campaña en viral e alcanzarase un maior número de impactos.

A campaña No corazón do teu barrio está incluída na iniciativa Urbana Santiago Norte, programa cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: