FESTAS

A igrexa de Santa María do Camiño acolle unha xornada de solidariedade a beneficio da Cociña Económica

26/12/2013 A Concellería de Festas colabora por segundo ano consecutivo na Humildade pola solidariedade, unha xornada solidaria e festiva organizada pola Confraría da Humildade que se celebrará o sábado 28 de decembro na igrexa de Santa María do Camiño. Os alimentos non perecedoiros recadados irán destinados á Cociña Económica.

A partir das 10:00 horas comezará na igrexa de Santa María do Camiño a recollida de alimentos desta III Humildade pola Solidariedade, cuxos detalles explicaron en rolda de prensa o concelleiro de Festas, Francisco Noya, e o presidente da Confraría, Santiago Martínez. Este destacou que os alimentos máis demandados nestes intres pola Cociña Económica son os lácteos, as pastas, os aceites e o leite para nenos.

Lembrou o presidente da Confraría a importancia que para moitas persoas poden ter un pequeno xesto como a doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros. Nas dúas edicións anteriores recadáronse uns 800 quilos en total para a Cociña Económica.

Pola tarde, ás 17:00 horas, o Paxe Real visitará a igrexa para que os nenos lles entreguen as súas cartas dirixidas aos Reis Magos. Ás 17:30 horas, pasarrúas polo Casco Histórico a cargo da Agrupación Musical Virxe da Amargura (Ferrol). Pouco despois, ás 19:00 horas, eucaristía na honra de San Xoán Evanxelista e da Natividade do Noso Señor. Para os que se acheguen ata a igrexa durante a xornada haberá chocolate quente.

Este día solidario pecharase ás 20:00 horas cun certame de panxoliñas. Participarán a Coral de Amigos do Conservatorio de Música de Santiago, a Coral Coto da Nai, a Coral Polifónica Colexiata de Sar e a Agrupación Musical Virxe da Amargura.

Accións solidarias nos CSC
Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para lembrar que os centros socioculturais realizan durante o ano distintas accións solidarias, acentuadas nas datas de Nadal, como recollida de alimentos en colaboración coa Cruz Vermella (CSC do Ensanche) ou co Centro Xuvenil Don Bosco (Operación Quilo); recollida de xoguetes no CSC de Vite apoiando á Coordinadora do Barrio; ou iniciativas como a da poxa solidaria no CSC de Conxo, cuxos cartos se destinan aos despachos de alimentos do barrio.

De modo permanente recóllense tapóns para iniciativas de axuda a nenos enfermos a través de fundacións e entidades recoñecidas, e recentemente colaborouse co Albergue Xoan XXIII na recollida de pantalóns.

Durante o mes de novembro, en colaboración coa ONG Coopera, apoiouse nas bibliotecas dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas e Santa Marta a Olimpiada do Estudo, pola que o Concello achega unha cantidade destinada a proxectos en países do Terceiro Mundo.

O traballo en rede con organizacións, entidades e colectivos sociais é constante e fluído –dixo-, resaltando que os centros colaboran tanto na cesión de espazos para desenvolver actividades como con accións de índole solidaria como as citadas.

Compartir: