DEPORTES

Xornada de portas abertas para fomentar a práctica da ximnasia rítmica

26/12/2013 O pavillón polideportivo de Pontepedriña acollerá o sábado 4 de xaneiro a I Xornada de Portas Abertas de Ximnasia Rítmica, organizada polo Club Ximnasia Rítmica Viravolta, un dos dous clubs desta disciplina cos que conta a cidade. A participación é de balde e está aberta a nenas e nenos de entre 5 e 14 anos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e a presidenta e adestradora do Club Ximnasia Viravolta, Wendy Rey, presentaron esta Xornada de Portas Abertas, que arrancará ás 10:00 horas e se prolongará ata as 20:00 horas. Hai ata 60 prazas dispoñibles, co obxectivo de que as nenas e os nenos interesados na ximnasia rítmica tomen contacto coa disciplina e se animen a practicala.

A xornada comezará pola mañá con exercicios de quecemento e traballo de movementos técnicos e corporais. Logo abordaranse as diferentes técnicas de saltos, xiros, equilibrios e acrobacias. A actividade física complementarase cun obradoiro de deseño de maillots. Os mellores recibirán premios.

Ademais, realizarase unha coreografía na que as participantes poderán plasmar todo o aprendido durante a xornada. En torno ás 19:30 horas, os pais e nais poderán asistir á posta en escena desta coreografía.

A xornada completarase coa exhibición que realizarán as nenas do club que veñen de obter o segundo posto no campionato galego escolar.

Máis información e inscricións a través do correo electrónico clubviravolta@hotmail.es e do teléfono 690 396 669.

Compartir: