EMPREGO

O Concello inicia as accións para mellorar a cualificación profesional de 200 persoas no marco do Urbana Santiago Norte

26/12/2013 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, visitou o Curso de Operadores/as de Carretillas Elevadoras, que se desenvolve no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás (Aríns). Este curso forma parte das accións formativas postas en marcha polo Concello dentro do Programa de Cualificación Profesional do Urbana Santiago Norte.

Este programa formativo inclúe as especialidades de Operadores/as de Carretillas Elevadoras (4 accións), Inglés Nivel B1 (3 accións), Acreditación de Condutores en BTP (2 edicións) e CAP (1 edición), e Prevención de Riscos Laborais. O obxectivo destas accións é mellorar a empregabilidade e a cualificación profesional da poboación beneficiaria do proxecto Urbana Santiago Norte, co fin de facilitar a súa inserción laboral no mercado de traballo.

O Programa de Cualificación Profesional articúlase a través de dous eixes: un servizo de información e asesoramento, para resolver as consultas da cidadanía relacionadas coa acreditación e o desenvolvemento da carreira profesional, e unha programación de actividades de carácter formativo (obradoiros, seminarios, cursos, etc.) para acreditar competencias básicas e transversais clave, así como adquirir e validar competencias profesionais.

O público obxectivo deste programa son aquelas persoas do ámbito de actuación da iniciativa Urbana Santiago Norte, especialmente aquelas persoas adultas sen formación profesional acreditada e as persoas inmigrantes sen formación ou con acreditacións profesionais non homologables. Nas anualidades 2013 e 2014 desenvolveranse 42 accións formativas, entre as que destacan as referidas á acreditación profesional en: informática, prevención de riscos laborais, formación de condutores, operadores de carretillas e plataformas elevadoras, operadores de maquinaría de obras públicas, idiomas ou oficios.

O proxecto Urbana Santiago Norte está financiado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Eixo nº 5 (desenvolvemento sostible local e urbano) do programa operativo do FEDER en Galicia para o período 2007-2013.

Compartir: