CULTURA

Caramuxo Teatro presenta "Mensaxe sen botella" no Principal

23/12/2013 Unha nova cita de teatro para público infantil e familiar animará estas datas de Nadal. A compañía Caramuxo Teatro fará as delicias dos máis pequenos cunha obra recomendada para nenos a partir dos 5 anos, Mensaxe sen botella. O espectáculo representarase o xoves 26 de decembro, ás 18:30 horas, no Teatro Principal.

Mensaxe sen botella conta a historia de Jean Pierre Dumond, un home maniático e perfeccionista que vive só e se dedica cada noite a recoller as mensaxes que chegan ao seu faiado dentro de botellas de diferentes tamaños e cores. Dumond encárgase de entregarllas a Gastón, o seu amigo e compañeiro alado, para que este as deixe voando no peitoril da fiestra do seu destinatario. Dumond é feliz na súa rutina diaria, mais un día chega unha botella sen mensaxe, unha mensaxe sen botella...

Caramuxo Teatro presenta un espectáculo que fala das relacións entre dúas persoas ben distintas que terán que buscar un punto en común para entenderse. Unha proposta emotiva, visual e poética que mestura unha realidade imaxinaria nun mundo diferente.

As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e entradas.novagaliciabanco.es, con entrada familiar de 4x3 (15 €). A billeteira do Principal está aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no Teatro, a venda anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Compartir: