COMERCIO

Xornadas de portas abertas na pista de xeo

23/12/2013 O Concello fai posible a celebración de varias xornadas de portas abertas na pista de xeo da Alameda, co fin de que todos os composteláns poidan gozar desta actividade durante o Nadal. Así, a pista será de acceso libre durante todo o día nas xornadas do 31 de decembro e do 1 e 13 de xaneiro. Tamén serán de portas abertas as mañás dos días 25 de decembro e 6 de xaneiro.

Cómpre lembrar que a pista de xeo, aberta ata o 2 de febreiro é un ano máis unha das propostas estrela da programación do Nadal. 500 metros cadrados de xeo que se agarda reciban máis de 17.000 visitas.

Durante os días lectivos funcionará en horario de mañá reservada a escolares e aberta ao público en horario de tarde. Durante o período de vacacións amplía os seus horarios e inclúe, ademais, sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivos.

Fóra destas xornadas de portas abertas, o prezo das entradas oscila entre os 4 euros da entrada para escolares ata os 10 euros da entrada xeral con patíns e sen límite de tempo. Os asistentes contan tamén con promocións coma a cartilla "Aquí tes 10 € para patinar", con descontos para os que máis patinen, e o bono "Non fagas colas" con 4 entradas sen límite de tempo e sen facer cola por 30 €.

Tamén hai un "Bono Familiar" que inclúe dúas entradas para adultos a 6,50 por persoa e pases a 4,50 para os máis cativos.

Reservas para visitas de centros escolares e grupos: teléfonos 881 897 790 e 699 811 705 e reservas@invernalia.com.

Compartir: