PLENO

Unha modificación puntual no PXOM permitirá graduar as obras autorizadas nos inmobles fóra de ordenación

23/12/2013 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de decembro, aprobou a modificación puntual da normativa urbanística do Plan Xeral de Ordenación Municipal aplicable ás situacións fóra de ordenación. Supón o cambio dos artigos 109 e 124 e do capítulo IX do devandito PXOM.

A modificación puntual da normativa do PXOM, aprobada cos votos favorables do grupo de Goberno e malia a abstención do grupo nacionalista e o voto en contra do grupo socialista, refírese ás situacións fóra de ordenación, isto é, aquelas nas que existe unha situación sobrevida de incompatibilidade ou desconformidade das edificacións e instalacións preexistentes coas determinacións resultantes do novo planeamento urbanístico, o que implica, dende o punto de vista legal, a aplicación dun réxime transitorio restritivo en canto ás obras e actuacións a realizar nesta clase de bens. O actual PXOM regulaba só as situacións totais e parciais de fóra de ordenación, o que na práctica se traducía en que en todos estes inmobles non se permitiran máis que obras de conservación.

O cambio permite efectuar unha gradación dos distintos niveis ou graos de desordenación, de xeito que o réxime mais restritivo unicamente se aplique ás construcións destinadas a desaparecer en execución directa das determinacións do Plan Xeral, permitíndose para os outros supostos de desconformidade un maior grado de tolerancia en canto ás actuacións permitidas. Para os ámbitos pendentes de ordenación pormenorizada, articularase unha situación transitoria, xa que, mentres non se aprobe o plan de desenvolvemento (plan parcial ou plan especial) non é posible avaliar a compatibilidade ou desconformidade da edificación existente, explicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo..

Tamén se modificará o artigo 109 para solucionar as dúbidas de interpretación xeradas pola actual redacción, no senso de eximir aos locais xa existentes no momento da aprobación do Plan Xeral de 1989 do cumprimento dos requisitos de altura esixidos polo vixente PXOM para os locais de nova creación, sempre que se adapten ás condicións e requirimentos mínimos esixidos pola normativa sectorial de aplicación.

Coa nova redacción, fíxase a altura mínima dos locais comerciais en 3 metros con carácter xeral, de 3,50 metros nos establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados e de 4 metros nos de superficie superior a 3.000 metros cadrados construídos. Pero indícase que "os locais construídos con anterioridade á entrada en vigor do Plan Xeral de 1989 poderán destinarse a uso comercial aínda cando non reúnan os requisitos de altura establecidos polo presente artigo, sempre que se adapten as condicións esixidas pola regulamentación sobre seguridade e saúde no traballo, policía de espectáculos, actividades recreativas e demais normativa de aplicación".

SUNP-31 de San Marcos
Outro cambio puntual, o do PXOM no ámbito do Plan parcial do SUNP-31 de San Marcos, recibiu tamén o voto favorable do Goberno municipal, o desfavorable do grupo socialista e a abstención do grupo nacionalista. A modificación pretende cambiar a cualificación dunha superficie de aproveitamento hoteleiro polo aproveitamento residencial.

Bonificación fiscal á Fundación Catedral
Finalmente e por unanimidade, aprobouse a concesión dunha bonificación no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á Fundación Catedral de Santiago polas obras de restauración que se están realizando no templo.

Compartir: