XUNTA DE GOBERNO

Figueiras contará cun ampliado e reformado centro cívico

17/07/2006 A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de reforma e ampliación do Centro Cívico da parroquia de Figueiras. O orzamento destas obras alcanza os 314.755 euros e permitirá a ampliación lateral do edificio actual conectado co existente e a súa reforma interior. O prazo de execución das obras, pendentes de adxudicación, é de oito meses.

As actuacións inclúen a dotación de amplos espazos independentes no interior, de xeito que se poidan levar a cabo as distintas actividades da Asociación de Veciños. No orzamento están incluídos os máis de 24.000 euros que se destinarán a mobiliario.

Tamén no capítulo de obras, a Corporación Local aprobou o proxecto das obras de ampliación e saneamento de augas residuais en Son de Abaixo, cun presuposto de 60.083 euros e un prazo de execución estimado de tres meses. Igualmente, adxudicáronse as obras de substitución da rede de abastecemento nas rúas Modesto Brocos e Lino Villafínez, por un importe de 28.987 euros.

Entre as adxudicacións aprobadas tamén figuran as das obras de substitución da escaleira mecánica na Estación de Autobuses. Nesta actuación investiranse 153.000 euros e a instalación estará lista en dous meses e medio.

En materia de seguridade e tráfico aprobáronse diversos subministros. En concreto, instalaranse novas luminarias nos semáforos da Praza de Galicia e do Campo da Estrela, e un regulador de tráfico que afecta aos os semáforos de Xoan XXIII, Praza da Paz, San Caetano e, dende alí, ata a Avenida de Lugo coa rúa do Hórreo. O obxectivo é dar solución á sobrecargada unidade central de zona do Hórreo e así dividir os riscos de avería ou tormentas.

A Xunta de Goberno aprobou tamén distintas actuacións nos centros de educación infantil e primaria do municipio. Trátase de obras de albalenería e pintura, por un importe total de 117.631 euros. Ademais, adxudicáronse as obras de acondicionamento de espazos nos centros escolares Colexiata de Sar, Raíña Fabiola, Quiroga Palacios e Roxos-Villestro, por un importe de 29.964 euros.

Tamén no ámbito educativo, acordouse solicitar á Consellería de Medio Rural a cesión da titularidade dunha masa común en Sabugueira-Carballal, para a ampliación do Colexio Rodríguez Xixirei. Deste xeito, o centro disporía dunha zona verde utilizable e poderíase separa a zona de xogos do alumnado de infantil da do alumnado de primaria.

Finalmente, aprobouse inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-3 de Pontepedriña. Neste solo, de 23.000 metros cadrados, construirase un máximo de 120 vivendas e diversas dotacións para uso terciario.

Compartir: