CULTURA

Pistacatro representa "Impreuna": o circo feito en Galicia "como nunca antes viras"

19/12/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou na Casa do Concello o espectáculo Impreuna, acompañado do director do mesmo, Pablo Reboleiro. Circo, danza, teatro e comedia xúntanse nesta proposta, que estará no Auditorio de Galicia o venres 27 e o sábado 28 de decembro ás 20:30 horas.

Máis de 2.000 persoas viron en agosto, na praza da Quintana, a primeira proposta de rúa dun espectáculo que agora poderá verse, en todo o seu esplendor, no grande escenario do Auditorio de Galicia. "O circo como nunca antes viras" é a mensaxe que Pistacatro Produtora de Soños quere transmitir ao público compostelán.

Este é un espectáculo de circo para todos os públicos e idades, concibido para teatros e auditorios de gran formato. Feito en Compostela, é unha mestura de circo, danza, teatro físico e comedia. Unha visita polos valores do circo e unha reflexión sobre as relacións humanas, con Pablo Reboleiro, Antonio Delgado, Raquel Oitavén, Ariñe Azkue, Óscar Páez e Alfredo Pérez.

Dirixido por Pablo Reboleiro e ambientado na época actual, Impreuna é un espectáculo mergullado integramente nos códigos artísticos do circo (malabares, aéreos, acrobacias e clown). Todo isto, sen renunciar á fusión sen complexos con outras artes vivas como a danza, o teatro físico e a comedia.

Impreuna é tamén unha viaxe polo mundo das relacións en grupo e unha visita por valores como a amizade, a familia, o traballo en comunidade, a solidariedade ou a cooperación, intrínsecos ao mundo do circo. O espectáculo está cargado dun optimismo baseado na unión entre persoas para responder aos conflitos que envolven ao ser humano.

O prezo das entradas é de 10 euros. Poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado; na a billeteira do Auditorio de Galicia, aberta só os días de espectáculo a partir das 18:00 horas; e en entradas.novagaliciabanco.es.

Compartir: