XUVENTUDE

Xabier López e Sheyla Fariña gañan os certames de creación e de fotografía convocados por Xuventude

19/12/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, entregou os premios dos I Certame de Creación ImaxinART e do I Certame de Fotografía co Móbil, gañados, respectivamente, por Xabier López e Sheyla Fariña.

O I Certame de Creación Gráfica, ImaxinART 2013, foi convocado pola Concellería de Xuventude para promover e premiar a creatividade dos mozos e mozas creadores de Compostela de entre 16 e 30 anos. A finalidade con concurso era a creación da imaxe corporativa que se vai empregar nos materiais publicitarios das diferentes iniciativas, programas e actividades desenvolvidas por este Departamento municipal.

Cada participante debía achegar un logotipo, un cartel para o programa de actividades e outro para o certame MúsicaXove’14. Nesta primeira edición houbo 17 participantes, destacando a gran calidade dos traballos presentados. Cómpre destacar a participación dos alumnos e alumnas do Bacharelato Artístico do IES de Sar, que presentaron traballos cun gran nivel e orixinalidade. Con todos os traballos farase unha exposición en 2014.

Finalmente, o traballo vencedor foi o de Xabier López González. O xurado destacou "a calidade e coherencia en todos os materiais presentados", valorando "a combinación dos diferentes elementos, a composición e súa facilidade cara a reprodución dixital". O gañador levou unha tablet Kinddle Fire e as súas imaxes estarán nos elementos promocionais de Xuventude.

O xurado deste Certame estivo composto por Isabel Vila, deseñadora gráfica e gañadora do I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego do Concello de Santiago; Gonzalo Sanmartín, profesional do deseño e da reprodución e impresión de materiais gráficos; e Francisco Noya, concelleiro de Centros Socioculturais, Participación Cidadá e Festas. Presidiu o xurado a concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, actuando como secretario o xefe do Departamento de Xuventude, Enrique Vázquez.

Foto con sentimento
No caso do I Certame de Fotografía co Móbil Foto con sentimento, o obxectivo era o de promover e premiar a creatividade dos mozos e mozas afeccionados á fotografía e potenciar o uso alternativo das novas tecnoloxías. Pretendíase que os participantes plasmasen nas súas catro instantáneas, tomadas cun teléfono móbil, unha serie de sentimentos (amor, ledicia, odio e tristeza), para o cal debían encadrar as fotografías en calquera punto da cidade.

Dos traballos presentados polos 11 participantes, o xurado destacou a calidade técnica e expresiva das fotografías. A gañadora foi Sheyla Fariña, "pola coherencia do conxunto presentado, por un plantexamento orixinal que non recorre a tópicos, pola súa eficacia á hora de reflectir os sentimentos, pola boa composición e elaboración das fotografías e por remitir e evocar persoas e situacións que non están presentes na propia instantánea".

A vencedora obtivo como premio a reprodución das obras en formato papel, para que formen parte dunha exposición de novos creadores que se realizará no espazo expositivo do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche en 2014. Tamén recibiu unha tablet Kinddle Fire.

Neste Certame, o xurado integrárono: Andrés Fraga, fotógrafo profesional con ampla experiencia internacional tanto en fotografía de prensa como artística; e Francisco Gallego, fotógrafo e xestor de redes que traballa no mundo da creación artística, da música e da arte. Presidiu tamén a concelleira e actuou como secretario o xefe do Departamento.

Compartir: