COMERCIO

Papá Noel recollerá peticións no seu recuncho da Alameda

19/12/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, visitou o Recuncho de Papá Noel, que comezará a funcionar a partir do 20. Logo, pasou polas sete casetas que este Nadal están empregando diversas entidades sociais para divulgar as súas actividades. Tanto o Recuncho como as casetas están situados na Alameda, a carón da pista de xeo.

O Recuncho de Papá Noel é unha proposta incluída no programa #nadalamos?. Ademais de poder conversar con Santa Claus, os nenos e nenas atoparán un espazo lúdico no que pasar unhas horas animadas. O acceso é libre presentando un tícket de compra do pequeno comercio coa data dese día.

Este espazo estará aberto do 20 ao 24 de decembro. Os días 20, 23 e 24 abrirá de 17:00 a 21:00 horas, mentres que o sábado 21 e o domingo 22 tamén estará aberto de 10:00 a 14:00 horas.

Casetas solidarias
Os que se acheguen ata a Alameda durante este Nadal tamén poderán atopar sete casetas nas que divulgan as súas actividades diversas entidades de carácter social, como Asociación Galega de Lupus (AGAL), TP Galicia, Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía (AUSOCHUS) ou Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER Coruña). Nalgunha destas casetas tamén se recollen alimentos, roupa e xoguetes.

Ademais, Artesanía de Galicia realiza demostracións e venda nas casetas cando non están ocupadas polas entidades sociais.

Compartir: