URBANISMO

Iníciase a cuarta fase de obras no Ensanche, sen cortes previstos en horario comercial durante estas semanas de Nadal

18/12/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta do estado das obras da cuarta fase de intervencións en rúas do Ensanche. Adiantou que a partir das 16:00 horas deste mércores, quedarán abertas todas as rúas desta parte da cidade, unha vez se abran República do Salvador (entre Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas) e Frei Rosendo Salvado (entre Santiago de Chile e Romero Donallo). Indicou que non haberá cortes en horario comercial durante estas semanas do Nadal.

Lembrou María Pardo que as obras que se están realizando no Ensanche buscan a "mellora das condicións de accesibilidade, das capas de rodadura e dos pavimentos". Indicou que, a día de hoxe, "teñen un grao de execución dun 60%. Tendo en conta que se iniciaron o luns 16, "isto dá idea de que o ritmo en xeral é bastante bo", dixo. O motivo de que algunhas obras teñan unha porcentaxe de execución inferior á media é "a planificación e coordinación das mesmas en función dos cortes de tráfico, coa finalidade de que supoñan a menor molestia posible para os usuarios do Ensanche", explicou.

A concelleira dixo que estas obras pretenden evitar danos maiores, nunha "aposta pola cultura do mantemento e da reparación que evite obras maiores de reconstrución". Ademais, indicou que estas actuacións son posibles grazas á disposición de remanente positivo de tesourería "por primeira vez en moitos anos" e unha vez que en setembro o Goberno central autorizara destinar este remanente a investimento.

Relación de obras
Analizando obra por obra, indicou que a da praza de Vigo, cun orzamento de 58.122 euros, presenta un grao de execución do 56%. Xa se demoleu a beiarrúa de baldosa e os bordos en mal estado, e repúxose a maior parte do pavimento. Restar por concluír a reposición de baldosas, así como tarefas de colocación de formigón, iluminación e xardinería.

En Frei Rosendo Salvado efectuouse o cambio de alcorques e bolardos, e parte da colocación de xardineiras na intersección con outras rúas. Queda por rematar este último labor, así como o fresado e reposición de aglomerado nas partes da calzada deterioradas. Esta obra, que ten un orzamento de 23.6450 euros, leva un nivel de execución do 56%.

A intervención en San Pedro de Mezonzo ten un orzamento de 24.720 euros e un grao de execución actual do 72%. Realizado o fresado e reposición de aglomerado, o cambio de bolardos e o reforzo das tapas, queda por concluír o cambio de alcorques.

Noutra rúa do Ensanche, Alfredo Brañas (13.755 euros) o grao de execución alcanza o 40%. Xa se repuxeron reixas de pluviais, reforzáronse parte das tapas e cambiouse a metade dos alcorques. Resta por concluír estas dúas tarefas e o fresado e reposición de aglomerado na calzada.

A actuación en Fernando III O Santo ten un custo de 37.167 euros e un grao de execución actual do 58%. Realizado o fresado e reposición de aglomerado na calzada e reforzadas as tapas, queda por rematar o cambio de alcorques e bolardos.

Tamén se está traballando en Ramón Cabanillas (16.243 euros). Cambiáronse bolardos, repuxéronse tapas e acondicionouse a banda de estacionamento deteriorada. Queda por realizar o cambio de alcorques e a reposición de firme. O grao de execución é do 50%.

As obras en República do Salvador están ao 48%, unha vez cambiados os bolardos e a banda de aparcamento. Os labores pendentes son os cambios de alcorques, o reforzo de tapas e a reposición de aglomerado. O custo destes traballos é de 20.530 euros.

Na rúa da ROSA, onde se investirán 41.634 euros, as obras xa están ao 75%. Reposto o firme e cambiados bolardos, apenas resta por concluír a modificación de alcorques.

Un nivel similar de execución (73%) presenta Santiago León de Caracas, unha vez cambiados alcorques, reposto o aglomerado e colocadas algunhas xardineiras. Só queda por completar este último labor. O orzamento das obras é de 10.162 euros.

Aínda sen comezar está a actuación en Santiago de Chile, rúa na que está proxecta a demolición completa de beirarrúa e de bordos en mal estado. Reporase o pavimento, cambiaranse alcorques, reforzaranse vados de garaxes e colocaranse xardineiras nas interseccións con outras rúas.

Ao 52% atópase a intervención prevista nas rúas República Arxentina, Doutor Teixeiro e San Pedro de Mezonzo. A intervención é similar á prevista en Santiago de Chile. Queda por executar a dotación de xardineiras e a demolición e reposición de beirarrúas e bordos en parte de Doutor Teixeiro e de República Arxentina.

Compartir: