ALCALDÍA

Presentación do libro "Rocha Forte"

17/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, asistiron no Centro Sociocultural da Rocha á presentación do libro Rocha Forte, xunto coa Asociación Cultural Rocha Forte. Tamén participaron o arqueólogo e un dos autores do libro, José Suárez; Andrea López, de A Navalla Suíza; e Manuel del Río, de Cenlitrosmetrocadrado, empresas encargadas do deseño e maquetación da publicación.

Este libro pretende por en valor esta fortaleza da Rocha Forte, símbolo do poder feudal do Arcebispado e clave na historia medieval de Santiago e de Galicia. A este libro súmase a edición dun tríptico e a creación dunha páxina web, que será presentada en breve. Ademais, en 2014 comezarán as visitas guiadas ao xacemento, co fin de seguir divulgando a súa historia.

Estes materiais divulgativos veñen a complementar os labores de escavación que se viñeron realizando nos últimos meses, posibles grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura dun millón de euros. Estes traballos permitiron novos descubrimentos, como un pequeno camposanto, e a definición doutros, como a torre da homenaxe. O proxecto actual concluirá nos vindeiros días co valado da fortaleza e a colocación de paneis informativos.

Editáronse 5.000 exemplares de Rocha Forte, que serán repartidos en centros socioculturais, colexios, bibliotecas e outros puntos de divulgación cidadá. A publicación realizouse nun formato moi visual, con abundantes fotografías e con explicacións nunha linguaxe sinxela e accesible das principais características do xacemento. A información detallada incluirase na páxina web.

Compartir: