CULTURA

O tenor José Ferrero abre os concertos dunha nova edición de Todo Lírica

17/12/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou en rolda de prensa o programa de concertos de Todo Lírica. Nesta edición contará con tres concertos: o 19 e 27 de decembro e o 4 de xaneiro.

Inaugúrase Todo Lírica o xoves 19 de decembro co tenor albaceteño José Ferrero, acompañado ao piano polo bilbaino Rubén Fernández Aguirre que ofrecen un programa con cancións de Wagner, Verdi e Puccini que, baixo o título Wagner & Verdi centenarios, lembra a estas dúas grandes figuras da historia da música cando está a punto de rematar o ano dos seus centenarios.

O venres 27 de decembro chega a mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo acompañada ao piano por Carlos E. Pérez. No programa gozan dun protagonismo compartido os dous pilares do xénero da canción: poética e música. Baixo o título Rosalía, Gala, Alberti… canción e poesía, estes dous novos artistas galegos interpretarán cancións de García Abril, Montsalvatge, Rodrigo, Baldomir, Piñeiro e Tabuvo.

Pechan o ciclo Todo Lírica o 4 de xaneiro dúas figuras da lírica nacional e viva mostra da rica escola de canto valenciana, a soprano Isabel Monar e o barítono José Antonio López. Acompañados polo pianista Rubén Fernández Aguirre, centrarán o seu programa na Opereta francesa e vienesa, interpretando romances e dúos de compositores salientables do xénero como Lehar, Kálman, Messager, Straus ou Hahn. Como preámbulo, unha fermosa selección de panxoliñas populares vascas e de dúos de clásicos como Purcell, Saint Saëns, Fauré e Schumann.

Todo Lírica naceu como Festival de Zarzuela no ano 2000, achegando este xénero ao público no Nadal. Organizado polo Concello de Santiago e a Asociación Galega da Lírica, este certame, que mudaría de nome converténdose en Todo Lírica anos despois, foise abrindo a outros xéneros musicais de carácter popular, como o tango, a opereta, o jazz ou o musical, coa intención de ofrecer unha oferta musical ampla e lúdica para toda a familia na época do Nadal. Este ano, o Todo Lírica alcanza a súa edición número trece.

Direcciones relacionadas



Compartir: