CULTURA

Saen á venda as entradas para o concerto que Marlango dará en Santiago o 22 de febreiro

13/12/2013 Marlango, grupo de referencia na escena independente española, actúa o sábado 22 de febreiro en Santiago de Compostela dentro do ciclo Compostela Rock. O concerto será na Sala Capitol a partir das 21:00 horas. Nel, a banda liderada por Leonor Watling presentará o seu último disco, Un día extraordinario.

As entradas para esta cita xa están á venda, cun prezo de 15 euros máis gastos de distribución. Pódense adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado), a través de ticketea.com e salacapitol.com, na Reixa Tenda e no Kunsthalle Compostela. O día do propio concerto, o prezo será de 18 euros.

Leonor Watling, Alejandro Pelayo e Óscar Ybarra consolidan cos seus directos a súa traxectoria musical de calidade, caracterizada polo seu pop próximo ao jazz e ao blues. No concerto da Sala Capitol, presentarán os seus novos temas, pero tamén aproveitarán para recuperar algunhas das súas cancións máis emblemáticas.

As influencias musicais que marcan a súa carreira deixáronse sentir xa no seu primeiro traballo Marlango, no que fan un percorrido do rock ao jazz, á música de cabaré e á banda sonora do cine de David Lynch. Fixeron un ano de xira por salas de toda España e recibiron de mans de Pedro Almodóvar un disco de ouro polas primeiras 50.000 copias vendidas.

Tamén acada o disco de ouro o seu segundo álbum, Automatic imperfection, que sae á luz setembro de 2005. Ao ano seguinte fichan xa pola discográfica Universal, coa que publican unha edición especial deste traballo, conseguindo unha gran distribución internacional.

É en setembro de 2007 cando sae á venda The electrical morning, terceiro álbum de estudo da banda. Marlango encárgase ademais en decembro dese mesmo ano de versionar o tema interpretado por Julie Andrews "My favourite things" no filme The sound of music. A banda puxo así música e voz na campaña de Nadal de El Corte Inglés, un spot que foi dirixido por Federico Brugia.

O cuarto disco de Marlago é Life in the treehouse, publicado en marzo de 2010 e precedido polo sinxelo "The long fall". Nel, contaron coa colaboración de artistas de renome como Rufus Waingwright, Suso Sáiz e Jorge Drexler. Dous anos despois, e tras o sinxelo "Dame la razón", en abril de 2012 saía á venda o quinto traballo do grupo e o primeiro en castelán. Un día extraordinario foi gravado en directo e ademais rexistrado en vídeo, dispoñible para descarga coa edición especial do disco.

Compartir: