CULTURA

"Burning Hearts", de James McFay, gaña o premio internacional de Curtocircuíto 2013

13/12/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, entregou os premios da súa décima edición. Repartíronse premios valorados en 12.000 euros nas oito categorías a concurso. O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu a cerimonia.

O galardón de máis valor (2.500 euros) recaeu na mellor curta da sección Internacional. O xurado composto por Eulàlia Iglesias Huix, Luis E. Parés, Michael Pattison e José Manuel Sande decidiu outorgar o premio internacional a Burning Hearts, de James McFay, "pola súa destreza e dominio na mestura de estilos e xéneros populares".

Este mesmo xurado tamén decidiu o premio Explora (2.000 euros), sección centrada nos filmes máis rompedores formalmente. Nesta categoría, o gañador foi Jean-Gabriel Périot por The Devil. A razón dos expertos para escoller esta película é que executa unha "poderosa e rítmica reconfiguración da imaxe de arquivo á hora de salientar o elemento humano da loita polos dereitos civís".

Adicionalmente, o xurado deu dúas mencións especiais a Comme des lapins (Chroniques de la poisse, chap.2), de Osman Cerfon, en Internacional, e a Montaña en sombra, de Lois Patiño, en Explora. Estes galardóns non reportan ningún beneficio económico.

Nacional e Galicia
Nas seccións Nacional e Galicia, os elixidos foron A Story for the Modlins, de Sergio Oksman, e Sangue de unicornio, de Alberto Vázquez, respectivamente. O xurado composto por Xurxo González, María Yáñez e Alfonso Zarauza destaca da primeira que é unha "proposta altamente transgresora por afondar na hibridación das formas fílmicas". Engade que "a curtametraxe, con elementos mínimos, é capaz de tecer un panorama de gran contemporaneidade". Por estas virtudes, recibe un galardón valorado en 2.000 euros. Pola súa banda, Vázquez conta cunha "obra moi persoal cunha coidada estética, tanto gráfica como sonora, que contén un excelente guión que vai desde a subversión iconográfica á transcendentalidade", segundo o xurado. Nel recaen 1.500 euros.

Tamén hai mencións especiais sen valor económico, que neste caso van para Misterio, de Chema García Ibarra, no programa Nacional, e Mr. Bear, de Andrés Rosende, no galego. Da cinta española di o xurado que "nunha produción moi modesta, onde destacan os actores non profesionais, o director é capaz de construír unha historia altamente desautomatizadora que defende a idea expresada desde o propio título". Sobre a peza do galego, salientan que "malia contar cunha chea de recursos, Andrés Rosende é quen de sacarlle todo o partido á produción e deixar a súa pegada cun forte compoñente sarcástico".

Premios do público e do xurado novo
O público conta en Curtocircuíto, e moito. Os espectadores podían votar en cada sesión as súas curtas favoritas. Unha vez feito o reconto dos votos do público, o gañador, cunha nota media de 4,54 sobre 5, foi a curtametraxe Nashorn im Galopp, dirixida por Erik Schmitt. O alemán levará 1.500 euros por este recoñecemento.

Ademais da audiencia, os cinéfilos novos son moi importantes para o festival, pois eles serán os espectadores do futuro e posibles profesionais activos, que sigan a facer e programar filmes coma os vistos en Compostela esta semana. Cinco mozos galegos outorgaron o seu premio, o do xurado novo, valorado en 1.000 euros, a The Mass of Men, de Gabriel Gauchet. Alba García Cabaleiro, David Pacheco Pardo, Alejandro Peso Lago, Denis Suárez Barral e Julia Virgós Pedreira decidíronse por esta curta "non só porque o tema tratado é de grande actualidade, senón tamén por unha boa realización e un sorprendente xiro de guión".

Guión e dirección de filmes galegos
Finalmente, alén dos premios a películas, restan os de mellor guión e dirección entre os filmes galegos, entregados por AGAG (Asociación Galega de Guionistas) e CREA (Asociación de Realizadores e Directores de Galicia). O libreto preferido por Nino Campos e Araceli Gonda é o de Mr. Bear, escrito por Andrés Rosende e Fritz Staudmyer, "por contar dun xeito crible unha situación verdadeiramente incrible". O galardón ao mellor realizador galego recaeu en Lois Patiño por Montaña en sombra. "Nun mundo acelerado e desnaturalizado, é agradable ver que alguén nos amose o que realmente significamos", explican Xacio Baño e Giselle Llanio, para xustificar a decisión. Estes dous premios están valorados en 750 euros cada un.

Compartir: