ECONOMÍA

Noventa e tres empresas e máis de 1.000 entrevistas na cuarta edición en Santiago de Compostela de "Getting Contacts!"

12/12/2013 A Concellería de Economía organiza, en colaboración con Área Central e cofinanciada pola Deputación da Coruña, a cuarta edición en Santiago de Getting Contacts!, enmarcada no programa Santiago Investors Support. Celébrase nesta xornada de xoves en Área Central.

Esta cuarta edición de Getting Contacts! foi aberta pola concelleira de Economía, Reyes Leis, e polo xerente de Área Central, Juan Carlos Losada. Participan 93 empresas, coas que hai concertadas 1.116 entrevistas. Os sectores principais representados son os das novas tecnoloxías, alimentación, servizos, asesorías e avogados e industria. A maioría de empresas son de Santiago, pero tamén hai representación doutros municipios da provincia e de Madrid e Barcelona.

Getting Contacts! é un evento de networking orixinal mediante unha axenda de contactos. Ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios doutras poboacións e abrir as portas a novos investimentos. Getting Contacts! conta cunha metodoloxía propia, que permite garantir a cada participante unha axenda personalizada segundo os seus intereses, con entre 15 e 25 entrevistas de alta efectividade.

As razóns para participar en Getting Contacts! son: entrevistas de calidade con outras empresas e profesionais segundo os seus intereses, novos contactos para ampliar o seu negocio (clientes, provedores, colaboradores, socios), promoción da súa empresa en tres niveis (empresas clientes e provedores, administración e asociacións).

Esta é a cuarta edición que se celebra o evento en Santiago en apenas dous anos, sinal de que se trata dun encontro interesante para as empresas e os emprendedores, que saben que nun tempo reducido poden establecer contactos interesantes para os seus proxectos.

Compartir: