COMERCIO

A segunda edición do Mercado da Estrela volverá ser unha gran festa do Nadal

12/12/2013 O Concello de Santiago apoia por segundo ano a celebración do Mercado da Estrela. Esta gran festa do Nadal serve de escaparate do traballo de novos creadores galegos, artistas, artesáns e novos emprendedores de disciplinas como a ilustración, a moda, os complementos, os cosméticos, a fotografía ou a gastronomía. É unha oportunidade para que as súas creacións se convertan nun agasallo de Nadal. E todo isto acompañado de música, obradoiros e outras moitas actividades.

A segunda edición do Mercado da estrela celebrarase o sábado 14 e o domingo 15 de decembro, en horario de 11:00 a 20.00 horas, nos espazos interiores do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no Museo do Pobo Galego. O horario prolongarase ata as 23:00 horas o sábado e ata as 22:00 horas o domingo na carpa de restauración e música que se instalará no xardín de San Roque.

O Mercado contará con 47 postos de artesanía e outros 9 de restauración, incrementando as propostas respecto a primeira edición, en paralelo á ampliación do espazo. Habilitarase así mesmo un espazo para a solidariedade, no que agrupacións de axuda aos máis desfavorecidos darán a coñecer as súas actividades e tratarán de captar voluntarios e obter doazóns económicas.

A música será protagonista tamén do certame, con actuacións como as de Sinestesia, Apenino, Carrero Bianco, Trampoline ou The Winning Numbers. A isto sumaranse concertos de música clásica, obradoiros, proxeccións e charlas coloquio.

O programa de actividades foi presentado nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis; a representante do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC, Cristina Trigo; o secretario do Museo do Pobo Galego, Manuel Villar; e as organizadoras da iniciativa, Elena Sánchez e Mónica Mejías.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile, co patrocinio de Turismo de Santiago e Sogama, e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, o CGAC, o Museo do Pobo Galego, Estrella Galicia, En Panties Producciones, o Café do Museo e Quendda.

Direcciones relacionadas



Compartir: