NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Buydeal, Pedra Salgada e Manuel Portas recibiron os galardóns Manuel Beiras pola súa promoción do uso social da lingua galega

12/12/2013 A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago entregaron os galardóns da décimo cuarta edición do Premio Manuel Beiras ás empresas Buydeal e Pedra Salgada e a Manuel Portas O certame, organizado nesta ocasión pola Cámara, recoñeceu un ano máis o esforzo que realizan as empresas e institucións do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

Presentáronse unhas 50 candidaturas. Os organizadores amosáronse satisfeitos co nivel de participación nesta edición e consideran a convocatoria un "éxito" tendo en conta a situación económica actual das empresas que seguen traballando polo uso do galego como lingua de comunicación empresarial e comercial. Para a difusión do premio empregouse unha combinación de canles tradicionais e redes sociais para achegarse máis directamente á cidadanía, ás institucións, ás empresas e aos comercios co obxectivo de animalos a presentar candidaturas, ademais de abrir a canle de Youtube XuventudeCompos con vídeos promocionais de gañadores de pasadas edicións.

O xurado, composto por representantes das empresas distinguidas en 2012, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua e un representante dunha asociación de consumidores, decidiu outorgar o Premio Manuel Beiras, nas categorías previstas nas bases da convocatoria, ás tres empresas ou entidades que mellor reflicten a esencia desta distinción:

1.- A empresa de comercio on-line Buydeal (empresas.buydeal.es) recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego. Buydeal é unha plataforma de promoción do comercio galego que emprega o marketing local para o comercio de proximidade, aumentando a visibilidade, buscando novos clientes de forma inmediata, sen adiantos nin custos fixos. Baixo o lema "Tes plans para hoxe?", a empresa trata de difundir os produtos e servizos dos seus anunciantes a través das canles propias e da súa colaboración co grupo El Progreso. Está dirixida polos emprendedores Jacobo Chouza e Ángela Rodríguez. En 2011 foron a empresa gañadora do mellor proxecto de negocio on-line dos Premios Eganet e en 2012 recibiron o premio ao mellor desenvolvemento 2.0 do premio Innova-G.

O xurado destacou o seu carácter "dinámico, innovador, imaxinativo, divertido e cunha forte capacidade de interacción co usuario", ademais de incidir no valor engadido que ten a lingua galega en portais web de tan intensa proxección comercial en termos de impacto e visibilización.

2.- Na categoría de Uso continuado da lingua galega alzouse co galardón a empresa Pedra Salgada (avenida Santa Lucía, 67) –pedrasalgada.com–. É un negocio creado en 2005 con dúas áreas de explotación, limpeza e xardinería. Realizan limpezas integrais en comunidades de veciños, empresas privadas, escolas, ademais de ofrecer limpeza industrial, con ozono, desinfeccións e eliminación de olores. Na área de xardinería faise o deseño, execución e montaxe de xardíns e exteriores. Os seus responsables e socios son Elías Rozas, José Ángel González e Antonio Calviño.

Ademais, estes empresarios composteláns contan nova idea empresarial, Nadal Verde (www.nadalverde.com), onde alugan árbores naturais para Nadal. É un proxecto lanzado por Pedra Salgada para axudar a facer a decoración de Nadal o máis ecolóxica posible.

O xurado explicou que Pedra Santa mantén un uso sistemático da lingua galega dende a súa creación para a xestión interna e na carta de servizos e relacións cos clientes.

3.- Finalmente, a distinción especial recaeu en Manuel Portas (Barcelona,1960), escritor, director e profesor de Lingua Galega e Literatura do Instituto Xelmírez I de Santiago, afincado en Santiago de Compostela.

Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. É un colaborador habitual da prensa, aspecto que o animou a participar en política e formar parte do goberno municipal de Santiago durante dous mandatos como concelleiro de Normalización Lingüística. Nesta época, o Concello elaborou o primeiro Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galicia, votado por unanimidade polos membros da corporación municipal.

No mundo do idioma, ademais de desempeñar postos na dirección da Associaçom Galega da Língua, foi membro da comisión fundadora da Mesa pola Normalización Lingüística. Coordinou a Revista Enclave, sendo tamén membro do Consello de Administración do xornal A Nosa Terra. Ademais, e non menos importante, Manuel Portas colaborou estreitamente coa Cámara de Comercio na creación do Premio Manuel Beiras, e promoveu varias intervencións dirixidas ao eido empresarial de Santiago.

Os membros do xurado acordaron entregar esta distinción a Manuel Portas por ser súa a idea creadora do propio premio Manuel Beiras, dende o seu impulso ata a súa consolidación actual como referente no espallamento social da lingua galega.

Unha recepción emotiva en lembranza de Xoán Rivas
Os galardóns entregáronse nunha recepción no salón de actos da Cámara de Comercio. O acto estivo presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez; o presidente da Cámara, Jesús Asorey; e o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras personalidades dos eidos económico e cultural da cidade. Ademais, os organizadores e membros do xurado aproveitaron o acto para facer unha lembranza "chea de afecto" a Xoán Rivas, membro do xurado do premio durante moitos anos en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que finou neste 2013.

A distinción consistiu un ano máis nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. As empresas e comercios premiados poderán amosar o galardón nos seus establecementos como unha garantía máis de que respectan o idioma da Comunidade. O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socioeconómico.

Compartir: