CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúan as actividades do programa "Vive o Nadal" nos centros socioculturais

11/12/2013 Rematado o prazo de preinscrición para a actividade Mañás de Nadal, incluída no programa Vive o Nadal, da Concellería de Centros Socioculturais, serán os centros de Conxo, Santa Marta, Figueiras e A Gracia os que acollan aos nenos/as inscritos para gozar nas datas das vacacións escolares dunha variada programación matinal con xogos, obradoiros diversos, contos, etc. As persoas inscritas poden consultar no documento adxunto o listado de participantes en cada centro.

As actividades de Vive o Nadal continúan este venres 13 de decembro, ás 17:30 horas, co contacontos Pablisimo, que actuará no CSC do Castiñeiriño. Sesión destinada a nenos e nenas de 3 a 11 anos, con entrada libre ata completar o aforo do centro.

O sábado 14 de decembro haberá teatro infantil con títeres no CSC das Fontiñas, coa obra O pazo de papel ás 18:30 horas. No CSC de Santa Marta, Diagonal Teatro presenta Non me tires...da manta ás 19:00 horas. Neste caso é teatro para adultos e a entrada é libre ata completar aforo.

Ademais, o grupo de 100 participantes inscritos na excursión para maiores "Nadal en Portugal" gozará este domingo 15 dunha xornada de convivencia na zona de Viana do Castelo, con xantar e baile nunha quinta portuguesa. Con esta excursión pechase con éxito o programa Imos de excursión 2013.

Visitas dos paxes reais e xadrez
O mesmo domingo comezan as visitas dos paxes reais aos centros. A primeira será ao Local Sociocultural de Aríns ás 18:00 horas. Para nenos de 4 a 12 anos.

Tamén está aberto ata o 19 de decembro o prazo para inscribirse no V Torneo de Xadrez Compostela, organizado polo grupo Xadrez Nemenzo, para as categorías sub 10 e sub 12, que se celebrará o dia 21 no CSC do Ensanche, de 11:00 a 13:00 horas.

O programa Vive o Nadal continúa con mais de 200 accións distintas ao longo do mes de decembro nos centros socioculturais. Mais información e descarga do programa en
www.santiagosociocultural.org.

Compartir: