TURISMO

CurtoCircuíto 2006 recibiu 475 curtametraxes de todo o mundo

14/07/2006 O Concurso Compostela CurtoCircuíto incrementou considerablemente este ano o seu nivel de participación: un 64 por cento máis que na pasada edición. A participación estranxeira incrementouse nun 13 %. A 475 ascende o número de curtas recibidas, todo un éxito de participación que contribúe á consolidación deste Festival Internacional como referente dentro da curtametraxe entre os certames deste xénero cinematográfico.

Dividido en catro categorías, ficción, animación, videocreación e documental –este último incorporouse este ano– este concurso, que forma parte da sección oficial do Festival Internacional CurtoCircuíto’06, permite tamén incrementar o número de curtas para proxectarse na sección CurtoCircuíto na Rúa, que comeza o vindeiro 20 de xullo e que levará ata o 28 de setembro, a encher de proxeccións de curtametraxes, as prazas compostelás. Estas proxeccións levaranse a cabo no calendario organizado segundo uns criterios temáticos establecidos, de tal xeito que, cada semana e en cada praza, as curtas emitidas responderán a esa temática designada.

No programa de CurtoCircuíto na Rúa as curtas son o eixo, pero moi presente está tamén a música, un dos pratos fortes dese Festival Internacional. Son e luces iluminarán as noites santiaguesas e DJs locais e outros de recoñecido prestixio internacional, como Vj MOX ou Dj FOOD, pincharán as noites de lúa para acompañar as sesións de vídeo experimental que integran o programa, enriquecendo deste xeito as actividades en relación ao pasado ano.

A gran cita da curtametraxe

Países que se presentan por vez primeira a este certame –a través de producións individuais– como Filipinas, Xapón, Corea do Sur, China, Tailandia..., do sur asiático; Irán ou Líbano; coproducións españolas con México Taiwán ou o Reino Unido; países cuxos territorios viven fondos conflitos como Palestina; países doutros continentes como Australia, latinoamericanos como Colombia, México ou Uruguai; Estados Unidos; e países que, se ben non é a primeira vez que se presentan, si experimentaron cuantitativamente a súa presenza, como os europeos: Suíza, Alemaña, Reino Unido, Austria, Bélxica, Bulgaria, Turquía, Polonia, Escocia, Francia, Grecia, Italia ou Portugal...; africanos, como Marrocos... e outros de distintas Comunidades Autónomas españolas –nas que Galicia sobresae con 35 curtas– son os países e continentes dos que proceden as 475 curtametraxes que nesta III Edición de CurtiCircuíto chegaron á sé da Santiago de Compostela Film Commission, organismo de quen partiu a iniciativa hai tres anos, de converter a capital de Galicia na capital da curtametraxe a nivel internacional. Os datos de participación obtidos este ano reflicten inequivocamente a dimensión e consolidación deste ámbito internacional do Festival, que converte as fronteiras xeográficas en lazos de unión na creación audiovisual.

Outra das características desta importante participación é que a mocidade está ocupada e preocupada en proxectar a través da súa creación audiovisual a problemática que vive o mundo: ben no seu propio territorio, ben no amplo concepto de realidade social común en tódolos países e sociedades. Non se explica senón que a meirande parte das curtas chegadas aborden as vivencias individuais ou colectivas da sociedade que habita un territorio en conflito, como é o caso de Palestina. A filosofía de boa parte das curtas recibidas é que non deixan de ser ferramentas que reflicten o compromiso social da mocidade, unidos por unha ética universal. Isto confire unha transcendencia maior e un valor engadido ao Festival Internacional CurtoCircuíto, toda vez que se confirma como canle de expresión e compromiso tanto coa sociedade como coa propia creatividade e estética audiovisual.

Diversos formatos

Distintos formatos son os elixidos polos participantes na rodaxe das súas producións: 42 delas foron rodadas en 16 mm e 103 en 35, e as restantes, en moi diversos formatos.

Santiago de Compostela pode presumir de lograr en tan só tres edicións, ser un referente inequívoco dos certames que no xénero da curtametraxe, se celebran no mundo. Non en van, ademais das curtas que se recibiron individualmente, estarán as doutros Festivais Internacionais como as dos curtometraxistas seleccionados no Clermont-Ferrand, que teñen unha alta participación no CurtoCircuíto deste ano. Valor engadido outórgallo tamén a elevada calidade das producións, sobre todo en comparación coas anteriores edicións.

De todas estas presentacións, 200 curtas solicitaron a súa participación no Mercado Internacional que se celebrará en outubro, e no que se darán cita importantes produtoras e distribuidoras de ámbito internacional, abrindo así as portas ao mercado –coa conseguinte proxección e difusión das mesmas– ás curtametraxes que, doutro xeito, atopan serias dificultades e inconvenientes que imposibilitan o achegamento das mesmas ao mercado internacional.

Prima a ficción

O xénero documental é, xunto co formato micromovie, unha das novidades do CurtoCircuíto deste ano, e semella que foi ben acollido: 40 dos traballos presentados pertencen ao mesmo. Malia todo prima a ficción, con 337 curtas, seguida da animación, con 52, e a videocreación, con 46.

O outro formato, a micromovie, –que constitúe a sección chamada "Anacos" – pecha o prazo de presentación 15 de xullo, pero polo de agora, tódalas recibidas son españolas, agás unha, que é italiana.

Esta iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, organismo que depende de Incolsa-Turismo de Santiago, e está xestionada pola Produtora Ficción Producciones S.L. O Festival recibe o apoio do Concello de Santiago de Compostela, e patrocínao a Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: