DEPORTES

O Concello entregou os Premios Deporte Santiago nunha gala no Auditorio de Galicia

12/12/2013 O Auditorio de Galicia foi o escenario da I Gala do Deporte de Santiago, que reuniu a mais de 200 persoas e numerosos representantes institucionais, culturais, educativos e empresariais da cidade. Os recoñecementos recaeron nas personalidades, entidades e empresas que realizaron un labor máis destacado para o deporte compostelán este ano 2013: Verónica Boquete (deportista feminina), Borja Golán (deportista masculino), Obradoiro CAB (entidade deportiva), Moncho Fernández (adestrador), Muebles Compostela (patrocinio deportivo), Santiago Futsal (acción social deportiva), Colexio Manuel Peleteiro (entidade educativa) e Luis Villasenín (premio honorífico).

Os xornalistas Silvia Castiñeiras e Alberto González foron os encargados de conducir o acto, que contou cunha gran representación institucional, cultural, educativa e empresarial da cidade de Santiago, e no que se quixo homenaxear e recoñecer a contribución dos premiados ao tecido deportivo de Compostela mediante a entrega dunha medalla artesá, obra dun artista santiagués, e un diploma conmemorativo.

No seu discurso de apertura da gala, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, destacou a traxectoria dos galardoados que co seu labor "fan posible o bo estado de saúde do que goza hoxe en día o deporte de Compostela".

Laura Mosquera Escudero, subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral do Deporte e o propio Adrián Varela fixeron entrega dos premios ás oito personalidades e entidades homenaxeadas durante a gala. Os gañadores desta primeira edición foron elixidos por un comité avaliador presidido polo alcalde de Santiago, Ángel Currás, actuando o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, de vicepresidente. O grupo decisorio completábase cun representante de cada grupo político municipal, a Universidade de Santiago, a Secretaría Xeral para ou Deporte, a Asociación Galega de Xestores Deportivos e a Deputación da Coruña, ademais de sete representantes dos medios de comunicación da cidade.

Cada un dos oito premiados puideron gozar dun vídeo personalizado que resumía os fitos máis destacados das súas traxectoria.

Verónica Boquete foi designada como mellor deportista feminina da tempada 2012-2013. Xogadora actualmente do Tyreso FF (Suecia), foi subcampiona con este club da Liga sueca en 2013. Nesta temporada 2013/2014, o seu equipo está clasificado para os cuartos de final da Champions League. Internacional por España, foi declarada mellor centrocampista da Liga de Suecia en 2012.

O premio ao mellor deportista masculino recaeu no xogador de squash Borja Golán. Número 8 do Ranking Mundial, el foi o primeiro xogador español que entre os dez primeiros desta clasificación. É o vixente campión de España, título que xa obtivo en 11 ocasións. Conta con 29 torneos internacionais no seu palmarés.

Para o xurado, a entidade deportiva máis destacada foi o Obradoiro CAB. Recoñécese así o octavo posto logrado na temporada regular da Liga Endesa 2012/2013, o que lle permitiu clasificarse para os Play-Off polo título por primeira vez na súa historia. Nesta temporada gañou tamén a súa cuarta Copa Galicia consecutiva.

Tamén no seo do Obradoiro recaeu o premio ao adestrador máis destacado, xa que o galardoado é Moncho Fernández, encargado de levar ao club ao xa mencionado logro de entrar na loita pola Liga ACB. Adestra por cuarta temporada consecutiva ao equipo da súa cidade.

O premio ao mellor patrocinio deportivo foi para Muebles Compostela. Dende o ano 1986, esta empresa é patrocinadora principal do Club Ciclista Compostelán, apoiando ao ciclismo de base e organizando diversas probas nesta modalidade deportiva.

Nesta gala tamén se recoñeceu a mellor actividade ou acción social, realizada polo Santiago Futsal. O club organizou xornadas de divulgación dos valores do deporte nos colexios e varios campus de formación, ademais da Festa da Familia ou a Xornada da Fibrose Quística, entre outras actividades.

O Colexio Manuel Peleteiro recibiu o galardón á mellor entidade educativa, pola súa longa traxectoria na promoción da práctica do deporte. Cada ano pon en marcha unha gran variedade de actividades deportivas, entre as que destaca o seu campus de baloncesto no verán, ao que acoden importantes xogadores profesionais como convidados.

O premio honorífico á traxectoria deportiva foi este ano para Luis Villasenín, deportista en varios clubs da cidade e que leva máis de 30 anos como directivo no mundo do ciclismo.

Finalmente, a Policía e Protección Civil da cidade recibiron unha mención especial por contribuír co seu labor a que os actos deportivos se realicen con plena seguridade.

A medalla conmemorativa que se entregou a cada unha das personalidades e entidades premiadas consistía nunha peza artesanal única, elaborada en bronce de silicio e esculpida polo artista compostelán Suso León.

Compartir: