ECONOMÍA

Unha empresa de venda directa de produtos de alimentación a través de Internet gaña a primeira edición de Lánzate Santiago

11/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Economía, Reyes Leis, asistiron no Centro Comercial As Cancela á entrega de premios do concurso de emprendedores Lánzate Santiago de Compostela. O obxectivo desta iniciativa, que chegou á cidade da man do Concello e do devandito centro comercial, é apoiar aos emprendedores galegos e o desenvolvemento empresarial da cidade.

Escompring, unha empresa compostelá de venta directa, sen intermediarios, de produtos de alimentación a través de Internet (www.escompring.com) foi a gañadora desta primeira edición do concurso na modalidade Innova, destinada a persoas maiores de idade cunha idea de negocio ou empresas que teñan menos dun ano dende a súa alta no IAE.

O alcalde felicitou os responsables da empresa gañadora, lembrando que "o emprendemento esixe esforzo e solidariedade, e mesmo xenerosidade, valores que tamén están no Camiño, polo que estades na cidade axeitada". Os promotores desta iniciativa levan un premio consistente en asesoramento e axuda para a posta en marcha; creación dunha imaxe corporativa, páxina web, vídeo corporativo e redes sociais; e participación nun curso de creación de empresa. O Concello de Santiago de Compostela tamén outorga un galardón, que neste caso é un ano de aloxamento na modalidade terminal de traballo, co-working, na Cidade da Cultura.

Compartir: