DEPORTES

Espectáculo e solidariedade xuntaranse no III Master de Campións de rallys

11/12/2013 O Recinto Feiral de Amio acollerá o sábado 14 e o domingo 15 de decembro o III Master de Campións de rallys. Preto de 50 pilotos de Galicia e Portugal participarán nesta proba, que xuntará a súa espectacularidade coa solidariedade, xa que servirá para recadar fondos para José Manuel Iglesias, neno de 8 anos aqueixado de disparesia espástica nivel 4, un tipo de parálise cerebral.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este III Máster de Campións, acompañado por Manuel Ramos, presidente da Escudería Compostela (organizadora da proba) e polo piloto compostelán Luis Penido. Animou os afeccionados aos rallys a presenciar a competición, que sempre destaca pola súa espectacularidade, e a contribuír ao mesmo tempo a un fin solidario. O edil aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar a intención de recuperar o tradicional Rally Botafumeiro en 2014, unha vez que neste 2013 non se puido realizar.

As carreiras contra o cronómetro comezarán o sábado 14 coas dúas primeiras mangas, ás 20:00 e ás 22:00 horas. Xa o domingo, haberá catro mangas, ás 10:00, 12:00, 14:00 e 16:00 horas.

Tamén estivo presente na rolda de prensa Xiada, representante da plataforma Todos con José Manuel, que promove a captación de fondos para o neno José Manuel Iglesias. Lembrou que en breve será sometido a unha operación que lle permitirá gañar autonomía, pero que lle agarda unha longa e custosa rehabilitación.

Para seguir recadando fondos, poderán mercarse rifas ao prezo dun euro. Entre os compradores realizarase un sorteo de artigos deportivos.

Compartir: