EDUCACIÓN

Ábrese o prazo de inscrición no programa de conciliación de Nadal promovido pola Concellería de Educación

11/12/2013 A partir deste xoves e ata o 16 de decembro estará aberta a inscrición no programa de conciliación familiar e laboral para este Nadal 2013. A iniciativa comprenderá un conxunto de actividades educativas, deportivas e de lecer que se desenvolverán nos CEIP Pío XII e As Fontiñas, dirixidas aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O programa realizarase do 23 de decembro ao 8 de xaneiro, coa excepción dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa para de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Segundo adiantou en rolda de prensa o concelleiro de Educación en funcións, Adrián Varela (en ausencia de María Castelao), poderán participar ata 187 rapaces e rapazas.

As familias poderán inscribir nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria de Santiago. Terán a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos. A inscrición realizarase a través dos rexistros persoal ou auxiliares cubrindo o formulario que estará dispoñible nesta web, no Departamento de Educación ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario será de 7:45 a 15:30 horas. O servizo de madrugadores (aula matinal) funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 15:30 horas, existe a posibilidade de que os rapaces fagan uso do servizo de comedor.

O prezo dependerá das modalidades ofrecidas oscilando dende os 75 euros da opción de só actividades ata os 143 euros da opción máis completa, incluíndo actividades, servizo de madrugadores con almorzo e servizo de comedor. Para familias numerosas os prezos irán dos 60 aos 114,40 euros. En caso de elixir días soltos, o prezo dependerá do número de opcións escollidas.

Direcciones relacionadas



Compartir: