COMERCIO

A Concellería de Comercio pon en marcha un concurso para seleccionar a imaxe comercial do barrio de San Pedro

11/12/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou en rolda de prensa as bases para a selección da imaxe-marca da sinaléctica comercial do barrio de San Pedro, ao abeiro do programa europeo Urbana Santiago Norte, financiado con fondos FEDER. As propostas serán sometidas a votación popular e, de entre os cinco traballos máis votados, o xurado seleccionará a gañadora, que recibirá 3.000 euros.

O obxectivo deste concurso é a elección dunha marca que dote dunha imaxe única ás campañas comerciais e empresariais do barrio de San Pedro, que proxecte esta zona da cidade como un espazo no que vivir, traballar, comprar ou disfrutar, e que atraia clientes, emprendedores, visitantes e veciñanza. Os participantes deberán ter en conta que o barrio de San Pedro, no que viven arredor de 9.000 habitantes, mestura pasado e futuro e posúe un intenso sentido de comunidade e de pertenza. Tampouco deberán esquecer a súa historia e tradición, pero deberán proxectarse o barrio cara o futuro baseándose nas súas principais fortalezas: sentido de comunidade, capacidade de integración, gusto pola innovación, certo cosmopolitismo, posición céntrica na cidade, etc.

Búscase unha imaxe que sirva como instrumento de proxección do barrio, do seu tecido social, comercial e asociativo; un sinal no que a veciñanza se recoñeza e que sirva para fortalecer a marca San Pedro de cara á cidade, amosándoo como un todo único. Esta nova imaxe aspira a acoller baixo un mesmo paraugas todo tipo de iniciativas de dinamización social, económica o cultural, desenvolvidas por distintas entidades, pero tamén polos negocios e, mesmo, por particulares. En resumo, perséguese unha marca que consolide os lazos da veciñanza do barrio, que anime ás xentes a comprar en San Pedro, aos emprendedores a abrir aquí os seus negocios, ás familias a residir no barrio.

Ata o 20 de decembro
O prazo límite para a presentación de traballos será o venres 20 de decembro, ás 14:00 horas. As propostas entregaranse nas oficinas de Maiz Creativos na rúa República di Salvador, 26 - 8ºS, 15701 - Santiago de Compostela.

Os dous orixinais presentaranse en tamaño A4 (21 x 29,7cm) montados sobre cartón pluma de 5mm de grosor. Cada autor/a poderá participar cun máximo de 2 traballos, con material e técnica libres, manual, mecánica ou dixital, sempre que estes sexan orixinais. Cada traballo presentado a concurso deberá reflectir as seguintes tres aplicacións gráficas: banner para páxina web, bolsa e cartel comercial tipo.

As obras exporanse ao público no Museo do Pobo Galego dende o sábado 21 de decembro ás 17:00 horas a o domingo 29 de decembro ás 13:00 horas, e serán obxecto de votación popular.

O premiado seleccionarase, de entre os cinco traballos con maior número de votos, por un xurado presidido pola concelleira de Comercio e que contará con dúas persoas en representación da veciñanza do barrio e dous profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación.

O xurado valorará especialmente a creatividade do arte final, o impacto visual, e a relación coa filosofía do evento. Igualmente, terá en conta a potencialidade para as futuras aplicacións gráficas. O gañador darase a coñecer o 30 de decembro de 2013 a través desta web municipal e de www.urbanasantiagonorte.org. O premio está dotado con 3.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: