CULTURA

O festival Curtocircuíto proxecta 29 curtas e celebra un debate sobre cinema e interactividade na súa segunda xornada

09/12/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, inicia este martes no CGAC, ás 12:00 horas, as actividades paralelas ás proxeccións. A primeira delas será a charla da xornalista María Yáñez sobre "Cinema e interactividade", que ela mesma subtitulou como "os festivais danlles a benvida ás narrativas dixitais".

Segundo a conferenciante, "nos últimos anos algúns dos festivais máis importantes de cine independente do mundo están a ampliar a súa atención cara as formas audiovisuais innovadoras que se producen nos medios dixitais: narración interactivas e transmedia, documentais web, instalacións audiovisuais…". O cinema está a mudar e a expandirse aos novos medios, e Curtocircuíto non quere ser alleo a este fenómeno. Todos aqueles que desexen asistir á charla, poden facelo de xeito gratuíto, anotándose previamente na páxina web do festival, www.curtocircuito.org.

Xa pola tarde, ofreceranse cinco proxeccións no Teatro Principal, cun total de 29 curtametraxes. Dúas delas recuperan as mellores cintas que pasaron polo certame nos seus dez anos de andaina, e tamén as de Play-Doc, festival referencia no terreo do documental, que cumpre tamén unha década. Estas dúas sesións serán de balde. As outras tres custan 2 euros cada unha, e presentan unha selección heteroxénea de filmes internacionais. A sección que recolle traballos de España céntrase no "outro cine español", unha xeración de cineastas novos que están a experimentar con linguaxes innovadoras, e que marcan a liña editorial do festival. Entre os convidados do festival está Susana Casares, directora de Tryouts (Probas), un filme que se centra na problemática dunha rapaza musulmá que leva veo ás súas clases de ximnasia. O cinema de corte social está presente no festival noutras curtas que se poderán ver nesta xornada, como La boda (Marina Seresesky) ou Rosemary Jane (Carolina Petro).

Á noite, os Sensible Soccers darán un concerto na Zona C para animar a noite compostelá nun ambiente lúdico fóra das proxeccións. A banda lusa de psicodelia está a acadar un enorme éxito no país veciño logo da presentación do seu último disco, Fornelo Tapes vol. 1. O seu novo sinxelo, "Sofrendo por você", atópase entre as cancións indies máis escoitadas en Portugal. Os espectadores de Curtocircuíto poderán coñecer a este grupo por 7 euros se mercan a entrada na billeteira, e 5 euros se adquiren os seus billetes de xeito anticipado no Teatro Principal.

Compartir: