PARQUES E XARDÍNS

O campo da festa de Roxos cambia de cara

14/07/2006 Os veciños de Roxos, na parroquia de Villestro, poden xa gozar do seu novo campo da festa, trala completa remodelación e mellora que vén de realizar o departamento de Parques e Xardíns. O Concello investiu 39.000 euros nestas obras, que permitiron acondicionar este espazo e dotalo de novos equipamentos.

Entre as actuacións realizadas no campo destaca a mellora dos accesos, que ata agora dificultaban a entrada dos grandes camións que levan as orquestras. Ademais, renovouse a pavimentación, instaláronse valados protectores ao carón dos vieiros e colocáronse pasamáns nas escaleiras.

A obra tamén inclúe o equipamento da pista deportiva do lugar. Nas vindeiras semanas, o espazo contará con novas porterías e canastras. E para mellorar a seguridade respecto á estrada, instalarase unha rede de protección.

Todas estas obras complementáronse coa limpeza do contorno e coa colocación de fontes de auga potable. Deste xeito, quedou habilitado un amplo espazo para que, á marxe das puntuais festas, os veciños poidan facer uso del todo o ano.

Compartir: