FESTAS

A cidade xa loce o seu alumeado de Nadal

06/12/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, asistiu na praza do Obradoiro ao acendido do alumeado de Nadal. A Cidade Histórica e o Ensanche xa locen unha iluminación que este ano volve a chegar de novo ás parroquias do rural e, como novidade, a varios barrios da cidade.

O alumeado de Nadal ten un custo este ano de 48.339 euros. Nesta ocasión, o Concello quixo ser especialmente sensible co sector comercial da cidade nestes momentos complicados. De aí que o alumeado se acendera este 6 de decembro, coincidindo coa ponte da Constitución. Preténdese así contribuír a xerar unha maior afluencia de visitantes e unha maior actividade comercial durante esta época do ano.

Tamén se mantén o compromiso coas parroquias, repetindo instalación de 23 elementos luminosos alegóricos do Nadal no entorno das igrexas ou dos centros socioculturais, ou no lugar que as asociacións veciñais consideraran máis axeitado. Ademais, varios barrios da cidade disporán de composicións de árbores de Nadal iluminados. Os elementos nas parroquias e nos barrios estarán acendidos a partir da fin de semana.

No ámbito urbano, hai novas rúas e espazos con luces, como San Pedro de Mezonzo, a glorieta de Galuresa, Santiago de Chile, San Martiño Pinario ou a árbore da Porta da Pena. A causa de obras, non se iluminan nesta ocasión as prazas de Galicia e de Vigo e o primeiro tramo da rúa de San Pedro.

Compartir: