CULTURA

The Amazing Blues Caravan chega a Compostela con Dixie Town, Thee Blind Crows e Psychotic Acid Freek

05/12/2013 Decembro é o mes, dentro do Blues Nite, para o blues con denominación de orixe galega. Así, chegarán á cidade The amazing blues caravan e o novo traballo de Adrián Costa, cantante e guitarrista de Los Reyes del K.O.

The amazing blues caravan trae un concerto á Zona C de Bonaval este venres 6 de decembro ás 20:00 horas, enmarcado tamén en Curtoconcerto, no que poderemos escoitar a tres grupos galegos potentes na escena actual do blues: Dixie Town (Compostela e Vigo); Thee Blind Crows (Pontevedra) e Psychotic Acid Freek (O Grove). Adrián Costa estará o domingo 29 de decembro no Salón Teatro a partir das 20:30 horas.

Dixie Town
O trío de blues Dixie Town, dacabalo entre Vigo e Santiago, debutaban no 2007 como un trío de blues sinxelo e directo. No 2012 publican o seu terceiro disco O Furacán, unha sorpresa chea de chiscadelas aos powers trío clásicos de blues, que con elegancia e personalidade está a coarse en todos os festivais e ciclos de blues e rock de España cunha excelente resposta de público e critica.

Thee Blind Crows
Dúo Pontevedrés formado en 2008, melómanos do rock´n´roll e inspirados en bandas como Flat Duo Jets, Immortal Lee County Killers, Black Keys, Cramps, Zen Guerrilla, R.L. Burnside… realizan un estilo incendiario e visceral que recolle o blues máis sureño e o garage-punk máis primitivo.

Psychotic Acid Freek
Son un dúo de blues do delta, pantanoso, ruidoso e hipnótico formado a principios de 2013 e procedente do Grove, os seus membros son, Mack Paramo (guitarra, voz, harmónica ) e Raul Rey (batería) e entre as súas influencias podemos destacar a Blind Willie Johnson, a Velvet Underground e os Stooges.

Entradas
As entradas para este concerto, a 10 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de 18:00 a 21:00 horas); en A Reixa Tenda e en Codetickets.

Compartir: