DEPORTES

Recoñecemento municipal aos últimos éxitos da Agrupación Deportiva Manuel Peleteiro

04/12/2013 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, recibiron en Raxoi unha delegación da sección de baloncesto da Agrupación Deportiva Manuel Peleteiro. O Concello quixo así recoñecer os últimos éxitos logrados polos equipos do club.

A delegación colexial estivo encabezada polo director do Colexio, Luis Peleteiro, e polo presidente do club deportivo, Manuel Vidal. Tamén asistiu unha representación dos 350 xogadores que compoñen os 24 equipos do club na temporada 2013-14, xunto cos seus adestradores.

O minibasquet estivo representado polo Peleteiro A mini feminino, actual subcampión de Copa Galicia mini. Ao baloncesto feminino representouno o Peleteiro A cadete, recente campión da Copa Galicia. Por parte do baloncesto masculino estivo presente o campión galego de liga de 1ª División da temporada 2012-13, que participou no Campionato de España Infantil de Clubs en Guadalaxara en xuño de 2013. Acudiu tamén o equipo cadete feminino da tempada 2012-13, na súa calidade de subcampión de liga e en recoñecemento á súa participación no Campionato de España de Clubs en Guadalaxara en maio de 2013, onde obtivo a décima posición.

Compartir: