CULTURA

Trinta e tres eventos no variado programa cultural para este Nadal

04/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o programa cultural para este Nadal. Un programa para todos os públicos e que ofrece eventos de diversos xéneros: teatro, danza, circo, música, humor, maxia e unha programación especial infantil e familiar. En total, 33 eventos dende o 11 de decembro ata o 12 de xaneiro no Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Sala Capitol, Salón Teatro, Zona C e o Auditorio Novagalicia Banco.

A programación musical abrangue practicamente todos os estilos: indie, pop, rock, góspel, soul, jazz, country, blues, canción de autor… Traerá á cidade a Delafé y las Flores Azules, La Fuga, New Orleans Gospel Chorale, The Pepper Pots, Abe Rábade Trío, Hendrik Röver & Los Míticos GT’s, Adrián Costa e Paula Rojo. Tampouco faltará a programación de música clásica con sete concertos. Tres deles correrán a cargo da Real Filharmonía de Galicia, entre os que están os xa clásicos concertos de Nadal e de Reis. No concerto de Nadal, o 20 de decembro, participarán xunto á Filharmonía, a Capela Compostelana e o Coro de Nenos da Escola Municipal de Música de Santiago. Ademais, haberá un concerto da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia dentro do ciclo Novas Orquestras e unha nova edición do ciclo Todo Lírica con tres concertos no Teatro Principal.

Dentro da programación escénica poderemos ver catro propostas diferentes: a compañía La Fila de al Lado presenta a multipremiada El chico de la última fila, de Juan Mayorga; Teatro do Atlántico trae A charca inútil; Yllana a Far west; e teremos tamén a posibilidade de asistir a Impreuna, un espectáculo de circo, danza, teatro físico e comedia de Pistacatro Produtora de Soños.

O ciclo Falabaratos ofrécenos tres citas co humor: Las Noches de Paramount Comedy, onde poderemos ver a J.J. Vaquero e a Nacho García; Noites de retranca, con Isi e Patricia Vázquez; e un novo encontro con Quico Cadaval. E serán tamén tres as citas coa maxia neste Nadal: con Jorge Blass, co Mago Romarís e co Mago Benxamín.

Ademais, haberá unha programación especial do ciclo Infantil & Familiar con oito propostas, entre as que destaca unha nova aposta de teatro para bebés. Os máis pequenos da casa poderán gozar con Viaxe a Dadá, de Teatro da Semente; Babs, de Baobab Teatro; e Ñam! e Zapatos, de Caramuxo Teatro. Ademais, a Banda Municipal de Música ofrece o Conto de Nadal, de Paula Carballeira, baseado en Charles Dickens, nun espectáculo onde a propia Carballeira participará como narradora. Teremos o teatro infantil de Mensaxe sen botella, de Caramuxo Teatro, e os títeres de Osiño, con Trompicallo. Completan a programación de Infantil & Familiar para este Nadal os madrileños Irú Teatro con El pequeño Verne.

Documentos relacionados



Compartir: