CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellería de Centros Socioculturais asina convenios de colaboración coas asociacións musicais Alfaia, Solfa e aCentral Folque

04/12/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asinou esta mañá tres convenios de colaboración con representantes das asociacións musicais Solfa, Alfaia e aCentral Folque.

Estas tres entidades prestan os seus servizos utilizando espazos nos centros socioculturais do Concello: as dúas primeiras no de Fontiñas e a terceira tanto na Trisca como no antigo colexio Ramón Cabanillas. Francisco Noya destacou "o importante labor que fan estas entidades no eido musical a prol dos veciños e veciñas, especialmente rapaces, que están interesados en aprender a tocar algún instrumento".

O obxecto dos convenios, que terán unha vixencia dun ano prorrogable é que esteas asociacións musicais realicen actuacións gratuítas nos centros socioculturais ou nas festas da cidade: Antroido, Ascensión e Apóstolo, ou ben que nas festas de barrios ou parroquias. É unha contraprestación ao uso exclusivo dos espazos municipais antes mencionados.

As datas das actuacións acordaranse sempre intentando compatibilizar os calendarios municipais e das propias asociacións, tendo en conta as particularidades de cada unha destas entidades musicais.

Compartir: