COMERCIO

Aberta a participación na terceira edición do Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal

04/12/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou a terceira edición do Concurso Municipal de Beléns e Ambientación de Nadal, co obxecto de promocionar as manifestacións de tradición popular típicas das celebracións do Nadal.

O Concurso de Beléns conta con dúas categorías: individual e colectiva. Na individual pode presentarse calquera persoa física que figure inscrita no padrón municipal. Na categoría colectiva poderán participar e inscribirse os colexios e todo tipo de asociacións, institucións e entidades cidadáns.

Premiaranse os tres primeiros Beléns de cada categoría. Os premios consistirán en vales de compra e nunha mención especialmente deseñada co nome de "Compostrela". Os vales serán de 150 euros para os primeiros clasificados de cada categoría, 120 para os segundos e 60 para os terceiros.

O Concurso de Ambientación de Nadal conta tamén con dúas categorías: unha para establecementos de hostalería e outra para comercios. Tamén aquí premiaranse os tres primeiros clasificados, cunha mención de "Compostrela" e cun pack promocional personalizado coa lenda do premio obtido e coma imaxe do establecemento gañador, consistente en tarxetas, bolsas, papel de agasallo e cinta de lazo decorativo (para comercio) e tarxetas, pousavasos e manteis individuais (para hostalería).

A inscrición realizarase mediante o envío dun correo electrónico ao seguinte enderezo concursobeleneseambientacion@gmail.com, no que, ademais dos datos persoais, se achegarán como arquivo adxunto fotografías ou vídeos do belén ou establecemento presentado a concurso, ou un enlace para proceder a súa descarga. A data tope de inscrición é o 13 de decembro de 2013.

As fotografías ou vídeos dos beléns e dos establecementos participantes subiranse a Facebook (facebook.com/Nadalamos) a partir do día 16 de decembro. Ata o 21 decembro toda persoa poderá votar a ambientación navideña que máis lle guste. Resultarán gañadores beléns e establecementos coa ambientación que obteñan máis "Me gusta", determinando así o 1º, 2º ou 3º premio en cada unha das categorías.

O resultado do concurso farase público o día 23 de decembro nesta web municipal. Terá lugar ademais unha recepción no Pazo de Raxoi en homenaxe aos premiados onde se lles fará entrega da figura "Compostrela" o día 27 de decembro ás 12:00 horas. O Concello exporá na web unha mostra dos beléns e establecementos participantes.

Direcciones relacionadas



Compartir: