CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellería de Centros Socioculturais esgota o seu orzamento para 2013 con melloras en varios locais

03/12/2013 Ao igual que sucedera en 2012, a Concellería de Centros Socioculturais e de Relacións Veciñais executou todo o seu orzamento. Esgotou as súas partidas cunha serie de melloras nalgúns centros socioculturais.

Dentro destas accións, o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, salientou a instalación esta mesma semana duns calefactores nos locais socioculturais da Peregrina e de Grixoa. Segundo indicou, "estes son dos poucos centros que quedan sen calefacción e, dentro destes, os que máis usuarios teñen e que, polo tanto, máis os precisan". Para isto retiráronse das oficinas no Estadio de San Lázaro os que non se estaban a usar, en concreto seis calefactores e os tres motores correspondentes. De este xeito, os usuarios poderán poñer frío en verán pero, sobre todo calor en inverno, algo moi demandado polas asociacións de veciños destas dúas parroquias rurais.

Tamén en Grixoa, atendeuse unha antiga demanda veciñal, poñendo reixas nas portas e fiestras da planta de abaixo, sobre todo para evitar roubos. Con este mesmo obxectivo, a petición dos colectivos que usan o antigo Colexio Ramón Cabanillas (Asociación de Veciños do Castiñeiriño, Cantigas e Agarimos, Fegatea, Escola de Percusión Trópico de Grelos…), tamén se porán reixas nas dúas portas.

Finalmente, botarase un pequeno firme na entrada do Local Sociocultural de Villestro, solucionando o problema da lameira que se creaba alí coa choiva e que dificultaba o acceso ao centro, ademais de provocar que se manchara o chan.

Compartir: