CULTURA

Seis compañías de teatro amador amosan os seus espectáculos do 5 ao 8 de decembro no Festival Agustín Magán

03/12/2013 O Teatro Principal de Santiago e o Salón Teatro acollerán do 5 ao 8 de decembro os espectáculos de seis compañías afeccionadas no marco do XII Festival de Teatro Amador Agustín Magán.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; o xerente de AGADIC, Jacobo Sutil; Chelo Pampillón, presidenta de FEGATEA; e José León, vicepresidente; presentaron en rolda de prensa este XII Festival de Teatro Amador Agustín Magán. Este certame é unha das actividades de maior proxección das organizadas por Fegatea (Federación Galega de Teatro Afeccionado), entidade sen ánimo de lucro fundada en 2001 que reúne á maior parte dos grupos de teatro non profesional máis activos que existen en Galicia.

O festival cumpre coa súa edición de 2013 unha traxectoria de doce anos de celebración baixo o nome do fundador da compañía compostelá Ditea e ten como finalidade amosar en Santiago as últimas propostas escénicas de grupos afeccionados federados galegos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

A carteleira deste ano, que se desenvolverá de xeito compartido entre o Salón Teatro e o Teatro Principal con funcións ás 19:00 e ás 21:00 horas, está integrada polos espectáculos de 6 compañías: NNC Teatro, que representará Santa Perpetua o 5 de decembro; Carfax Teatro, con As Troianas, e Andaravía Teatro, con República de Gundián, o día 6; O Trasno Novo Teatro, con Consuelo, e Nostrun Cai, con Radio Universo, o día 7; e O Aturuxo de Melpómene, con A ratoeira, o día 8 de decembro.

Entradas xa á venda
O prezo das entradas será de 4 euros por función, podendo mercarse un bono para catro funcións a un prezo de 12 euros. As entradas poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal, aberta de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado. Os días do festival abrirá dende as 17:00 ata as 21:00 horas.

Compartir: