NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os Axóuxeres convidan os máis pequenos da casa a descubrir o mundo en galego

03/12/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron o espectáculo Os Axóuxeres, da Rede de Dinamización Lingüística. A representación en Santiago terá lugar o sábado 7 de decembro, ás 18:30 horas, na Zona C, e servirá para pechar a xira do espectáculo por 24 localidades galegas. Require reserva previa.

Os Axóuxeres traen neste 2013 un espectáculo cheo de historias, música e diversión para os cativos menores de 6 anos, desta volta da man dunha compañía pioneira do teatro para bebés en Galicia: Caramuxo Teatro. O Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 35 minutos de duración, ofrécelles aos cativos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Na obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación do público.

O punto de partida é o descubrimento do mundo que nos rodea, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.

Reserva
A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade da Zona C. As persoas interesadas en participar poden inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 14:00 horas, no teléfono 610 641 570.

Direcciones relacionadas



Compartir: