XUVENTUDE

Cento oito mozos e mozas participaron nos castings de Compostela Actúa

03/12/2013 A Concellería de Xuventude realizou os pasados 25 e 30 de novembro os castings para os mozos e mozas interesados en formar parte do programa Compostela Actúa. Participaron 108 persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

Compostela Actúa é un programa de dinamización das artes escénicas e musicais. Con esta iniciativa quere ofrecerse alternativas divertidas e formativas no ámbito da música e da escena, fomentando a creatividade dos mozos e mozas de Santiago. Os seleccionados poderán participar en tres tipos de actividades: Glee Club, grupo de teatro 4º Parede e Instrumentals.

O obxectivo do Glee Club é formar un coro de adolescentes con ansias de aprendizaxe musical e de canto Realizaranse covers e performances de grandes éxitos e de cancións actuais, abertas a todo tipo de suxestións (rock, pop, disco, dance..). Así pois, escolleranse cancións que estean de moda, pero tamén será un grupo aberto a ideas, con posibilidade de que os participantes compoñan as súas propias cancións, para logo preparalas e cantalas.

Co grupo de teatro 4ª Parede preténdese que un grupo de mozos e mozas aprendan a actuar e se sintan actores ou actrices. Interpretarán obras de diversos estilos, formándose en cuestións como a modulación da voz, a xesticulación, etc. Este tamén será un grupo aberto a que os participantes elaboren e interpreten as súas propias obras.

En Instrumentals, os mozos e mozas aprender tocarán algún instrumento no seo dun grupo musical. Practicarase con cancións de todos os estilos, con especial atención ás actuais. Cada usuario escollerá un instrumento, que tocará dentro do grupo (guitarra eléctrica, guitarra española, batería, teclado…).

Cada actividade estará formada por un máximo de 12 participantes que deberán ensaiar dúas veces por semana cun mestre que os formará na dinámica e na temática do taller ao que asisten. Estas tres propostas desenvolveranse dende o mes de xaneiro ata o remate do curso escolar. Pero a intención é que o programa teña continuidade no tempo.

Organizaranse representacións e concertos co fin de dar a coñecer o traballo realizado ao longo dos meses en cada unha das actividades. Ademais, cada certo tempo, os grupos compartirán clase, facendo así postas en escena comúns, mostras conxuntas ou representacións escénicas nas que o grupo de teatro actúe mentres que o instrumental e o coro poñen a banda sonora. Buscarase potenciar este tipo de exercicios.

Compartir: