EDUCACIÓN

Homenaxe en San Caetano ao profesor e escultor Andrés Caamaño Hermida

04/12/2013 A comunidade educativa do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón celebra este ano o 150 aniversario da súa creación e con tal motivo traballa, en colaboración coas Administracións, no desenvolvemento de diferentes actos ao longo deste curso escolar. Dentro deste programa de actividades, celebrouse un acto de recoñecemento ao profesor e escultor do centro educativo Andrés Caamaño Hermida, recentemente xubilado. A concelleira de Educación, María Castelao, sumouse a esta homenaxe.

O acto celebrouse no xardín situado a carón da igrexa de San Caetano (fronte aos edificios administrativos da Xunta de Galicia). Consistiu na colocación dunha placa de identificación da obra escultórica que se atopa neste espazo verde compostelán, e contou coa presenza do equipo educativo do centro e dunha representación do alumnado, ademais do propio autor e a súa familia.

Entre as actividades preparadas polo CEE Manuel López Navalón para celebrar o seu 150 aniversario destacan tamén unha exposición sobre a historia do centro; un acto público en prol do recoñecemento desta institución e da súa achega a una educación de calidade para o seu alumnado e familias; ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre a historia e o patrimonio deste colexio de referencia no ámbito da educación especial.

Compartir: