CULTURA

"O ladrón de bonecas": a esencia da felicidade está en Compostela

13/07/2006 O Teatro Principal acolle a estrea da curtametraxe de animación en plastilina "O ladrón de bonecas", o xoves 14 ás 21:30 horas. A Concellaría de Cultura apoiou a realización deste filme, dirixido por Fernando Cortizo e producido por Matriuska Producións, que está ambientado en Santiago de Compostela.

Despois de ano e medio de traballo, chega ás pantallas esta curta, realizada en plastilina coa técnica "stop motion", consistente en dar vida aos obxectos inanimados mediante a filmación do movemento fotograma a fotograma. O filme sitúase na Compostela de1919, onde o doutor Hermes busca o elixir que outorgue a eterna felicidade. Fórmula tras fórmula, chega a unha conclusión: illar a alegría en estado puro que conteñen as bonecas. Pero ningún neno está disposto a darlle o seu xoguete, polo que decide roubar as bonecas.

A curta recrea as rúas e edificios do Santiago de principios do século. Para iso, o equipo artístico tivo que facer unha laboriosa construción de maquetas, aspecto que destacou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación da exhibición do Teatro Principal. Acompañábano o director de produción, Daniel Froiz, e unha das directoras artísticas, Isabel Rey.

Compartir: