EDUCACIÓN

O Concello abrirá expediente á xestora das escolas infantís de Conxo e Fontiñas

02/12/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, comunicou a apertura de expediente á empresa encargada da xestión das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas, por incumprimento do prego de condicións do contrato. Esta decisión tomouse unha vez recibido o informe de 23 páxinas realizado polo xefe do Departamento de Educación –encargado o 12 de novembro- no que se constatan incumprimentos en materia de persoal e de comunicación.

Unha vez que a empresa reciba o informe, disporá de cinco días naturais para "subsanar as deficiencias" ou realizar as "manifestacións no seu descargo" que considere oportunas, segundo apuntou a concelleira. Desa resposta, dixo, dependerá a gravidade da sanción que finalmente se impoña. Neste sentido, lembrou que o prego de condicións do contrato contempla sancións graves de ata 9.000 euros e moi graves ata 30.000 euros ou mesmo a resolución do contrato.

Sen entrar en profundidade no contido do informe, a falta de que o coñeza primeiro a propia empresa, resumiu os incumprimentos "xa constatados" en dous tipos: persoal e comunicación. Respecto ao persoal, remitiuse á infracción xa comprobada pola inspección da Xunta de Galicia e aos propios requirimentos realizados pola Concellería neste eido.

En materia de comunicación, a concelleira referiuse á "falta de claridade" na mesma. Explicou que, dos requirimentos realizados, "uns contestáronse e outros non". A propósito desta cuestión, María Castelao afirmou ter contactado co responsable de servizos sociais da empresa, que se comprometeu a "cambiar o interlocutor" da empresa en Galicia, dos que a edil dixo que "non están entendendo a transcendencia do problema".

Finalmente, a concelleira anunciou que se dará traslado tamén aos pais do contido deste informe, tal como se comprometera previamente.

Compartir: