URBANISMO

Os promotores coinciden co alcalde na necesidade de aprobar o PXOM antes de que remate o verán

13/07/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, continúa coa súa rolda de contactos cos distintos colectivos cidadáns para explicarlles o estado actual da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Nesta ocasión tocoulle o turno aos promotores urbanísticos, que coincidiron co alcalde na conveniencia de que o Plan estea listo antes de que remate o verán.

Sánchez Bugallo informou aos promotores sobre unha lei europea, aprobada o pasado 29 de abril, que podería retrasar a aprobación do Plan Xeral máis dun ano, ao incluír novas esixencias, como estudios de impacto medioambiental. Isto obrigaría a iniciar de novo os trámites dende o comezo. Por iso, reiterou o seu desexo de que o PXOM se aprobe canto antes para evitar esta posibilidade.

Os promotores reclamaron esa mesma prontitude na ratificación do Plan, ante o temor de que se produza un parón na construción na cidade. Neste sentido, o alcalde indicoulles que a o Plan Xeral de 1989 garante solo para un prazo aproximado dun ano.

Con este obxectivo de aprobar o novo PXOM antes de que remate o verán, o xoves 13 celébrase unha nova reunión do comité director do plan, que está a estudar as alegacións presentadas polos veciños e os grupos municipais.

Compartir: